Editorial Sermos301

Editorial Sermos301: Magdalena, polas que xa non estades

feminismo imaxe de GZcontrainfo
photo_camera Mobilización contra a violencia machista

Máis un crime machista na Galiza. A vítima é Magdalena Moreira Alonso, que vivía en Chenlo, no Porriño. Hai apenas un mes, alugara un apartamento, en Tui, para comezar unha nova vida. Xa nunca poderá emprendela. Tomás Romero tronzoulla. Asasinouna. Despois matouse el. Planificou o crime ao milímetro. Tamén son vítimas do asasino Tomás os seus fillos, a nai de Magdalena, toda a súa familia, as amigas e amigos, as compañeiras e compañeiros de traballo… mais a morta é ela, que foi asasinada e quería vivir.

A semana pasada tamén puido morrer outra muller, no Corredor do Morrazo. Ela denuncia que se produciu unha discusión no coche e que o seu marido ameazou con danala, xusto antes de acelerar a fondo para chocar contra outro vehículo. Constan denuncias previas de violencia de xénero contra o home, que permanece ingresado no hospital logo de tratar de matarse. 

Os asasinatos son a punta do iceberg dun problema estrutural, gravísimo, que se mantén invisibilizado e que só se menta cando acaba en crime. De pouco valen os minutos de silencio cando segue sen haber medios nos xulgados para atender as vítimas; cando nas aulas o profesorado segue sen contar con formación específica; cando os catálogos de xoguetes ou os libros seguen a reproducir estereotipos sexistas; cando a igualdade segue sen ser a Prioridade. Maiúscula.

Máis en OPINIÓN
Comentarios