Unha escolma do papel

Jimmy

jimmy-crop
photo_camera Unha faixa en memoria de Jimmy

Só en contextos coloniais se poden entender as informacións aparecidas na imprensa española e na formalmente galega dependente de aquela en relación ao crime do Manzanares, o suceso en que un fato de neonazis atléticos asasinou Jimmy, o seareiro do Deportivo. Poucos episodios na vida social recente ilústrannos mellor sobre as relacións de poder no Estado español e sobre o papel que cumprimos cada sociedade nacional no seu seo. O papel que cumpre a matriz de España (val dicer, a vella Castela) e o papel que cumprimos os países que, como o noso, a Galiza, son países negados, nacións non recoñecidas na plenitude dos seus direitos.

A imprensa española non é que se situase na equidistancia entre o Frente Atlético -grupo confesamente neonazi- e os riazor blues -unha claque de filias nacionalistas- é que  tomou     partido descaradamente. E tomárono a favor dos seus. A imprensa española foi parcial na descrición dos feitos. Mesmo a que pasa por seria. Así, o asasinato aleivoso de Jimmy -golpear con saña unha persoa e atirala a un río a unha altura de 5 metros non pode ser menos que cualificado de asasinato aleivoso- foi reducido á condición de "falecimento" ou "morte" na maior parte dos textos. Morreu a consecuencia dunha pelexa, escribiron. Isto é, morreu por un confronto entre dous bandos, o que equivale a dicer que a responsabilidade se reparte por igual. Non importa que a única vítima mortal fose galega. Non, o que importa é exculpar os asasinos, esluíndo os seus perfís concretos. Se todos o mataron ninguén o matou. Tampouco importan os factos. Só os prexuízos e a construción interesada do relato. Se nos vai ben dicer que foi unha "quedada", estabelecemos iso como dogma, a despeito do atestado policial, contra a evidencia de que, no mínimo até agora, o xuíz non ten autorizado a inspección dos telefones móveis incautados. É unha quedada e ponto, porque, se non o fose, o que teriamos entre mans sería unha emboscada, unha razzia anti-galega, en expresión utilizada polo avogado dos blues detidos.


CAUSA CONTRA OS BLUES

Mais nen sequer iso é a cuestión chave, porque, houbese ou non "quedada", nun asasinato nunca se pode pór en pé de igualdade a vítima e aos vitimarios, que, alén do máis, aínda non foron detidos. A cuestión chave é que vivemos nun Estado en que sucede iso e o secretario de seguranza do ministerio do Interior se permite o luxo de ir ao Congreso a formular unha causa non contra o Frente Atlético, senón contra os riazor blues en particular e contra  o Deportivo en xeral. Para o Goberno español, o problema non está en que a horda atlética agardase en Madrid armada até os dentes sen que a policía fose quen de detectar iso. Non, o problema está en que os galegos non comunicaron ben a súa chegada á capital de España. A inferencia é clara: Jimmy morreu non a consecuencia dunha agresión brutal e salvaxe inflixida con    vontade homicida; non, morreu pola neglixencia dunha entidade galega ao non comunicar con precisión o dado do desprazamento dun continxente dos seus seareiros. Isto só é concebíbel en contextos coloniais. Só se partimos de que para o canon español aquí hai cidadáns de primeira (os da Metrópole) e de segunda (os das colonias) que non teñen os mesmos dereitos que aqueles (poden ser asasinados e á vez postos á altura dos seus verdugos) se    pode    chegar    a    decodificar    as    mensaxes emitidas polos aparatos de propaganda matritenses. Emitidas e logo re-expedidas polas súas franquicias galegas que, en xeral, e con moi poucas excepcións, asumiron en todo momento o discurso español sobre estes feitos. Son os meios españois mainstream os que impoñen aos meios galegos hexemónicos como deben tratar e como deben presentar os riazor blues perante a opinión pública. Colonial, puramente colonial.

Así é o Estado español, xerárquico, desigual, e ese é o rol que nos teñen atribuído ás galegas e aos galegos. Urxe rachar con ese Estado que nos secundariza e que, lonxe de nos amparar, nos agrede permanentemente.

Este artigo apareceu no Sermos nº126, publicado a 11 de decembro de 2014. 

Máis en OPINIÓN
Comentarios