Intensifican a busca de 3 bateeiros desaparecidos após localizar o pecio do barco en Corrubedo

O operativo desprégase por terra, mar e aire. O ‘Paquito nº2’ partira de Cabo de Cruz cargado de cría de mexillón rumbo a Muros. A hipótese de naufraxio que se baralla é por mor dun golpe de mar

RTVE
photo_camera Imaxe: RTVE

Un amplo operativo busca por terra, mar e aire os tres bateeiros desaparecidos esta terza feira na boca da Ría de Arousa após afundir o barco no que navegaban rumbo a Muros despois de partir de Cabo de Cruz, porto mexilloeiro no Concello de Boiro. Helicópteros, barcos de salvamento, equipos de buzos, equipos por terra... o operativo abarca sobre todo a zona de Aguiño e Corrubedo, onde se atopou o pecio do barco afundido, ‘Paquito nº2’ e efectos persoais dos tripulantes. A embarcación está a 38 metros de profundidade.

Germán B.T (52 anos), Antonio H.T, (38 anos) e Santiago B.T (37) eran tres bateeiros de Cabo de Cruz con anos de experiencia no mar e no cultivo de mexillón. Saíron deste porto barbanzán por volta das 12:00 horas cargados de semente de mexillón con destino ás bateas que a empresa ten en Muros, onde tiñan que chegar sobre as catro da tarde. Alí agardáballes un compañeiro para recollelos e volver para Cabo de Cruz por terra, deixando o barco en Muros. Non chegaron.

As hipóteses que se barallan céntrase nun posíbel golpe de mar polo costado que fixese naufragar a embarcación. As ondas nesa zona chegaban feira aos 3 metros de altura, segundo algunhas fontes. Mais nada hai oficialmente sobre as causas do afundimento. A prioridade agora é localizar os mariñeiros.

Entre xaneiro e outubro deste ano morreron 15 persoas no sector do mar de Galiza. O número de accidentes graves rozou o medio cento e os leves, perto dun millar

A nova estendeu o pesar en Cabo de Cruz, unha vila onde o mexillón é a principal industria. É un dos portos máis importantes neste molusco e ten agrupacións como a AMC, que representa a máis cun cento de persoas e 150 bateas.

A armadora é Paquito SL, empresa do ramo de conxelados que exporta a diferentes países e ten sociedades en Chile.

Traxedias

No sector do mar non é dos bateeiros o máis afectado por naufraxios e desgracias. No 2004 faleceron dous bateeiros, irmáns de Vilanova cando volvían a casa desde Rianxo, mais navegaban en planeadora e non en embarcación mexilloeira, máis segura e robusta.

No que vai de ano o número de accidentes no sector do mar catalogados como graves polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ronda o medio cento. Os leves rozan o millar. Os mortais foron, entre xaneiro e outubro, 15.

Máis en OPINIÓN
Comentarios