Francisco Sampedro: "Raúl nas Camelias"

RAÚL NAS CAMELIAS

A derradeira vez que vin a Raúl Piñeiro –nas Camelias, como case sempre que viña a Vigo- foi apenas unha semana antes da súa desgrazada e sentida desaparición. Despois do shock que esta me producíu, rememorei o meu primeiro encontro con el, e decateime da conversa que mantivemos, xustamente –por raros azares-, sobre o mesmo asunto da que tratou a última, arredor do músico escocés Jack Bruce.
    Experto na música mal denominada “celta”, entusiasta da música en xeral, Raúl posuía unha extraordinaria capacidade para me transmitir alegría, sabedoría e comodidade. Recordo os seu ir e vir con Artai, o cariño con que trataba aos seus. Tamén as súas preocupacións que me eran transmitidas cunha delicadeza suprema, sen sobresalto, case sen angustia, por moito que un soubese verbo da dificultade delas. 
    Posuíamos un grande común denominador político, aínda que non faltaban nunca as discusións, sereas, sempre produtivas e con moito sentido do humor. Pero onde nos delongabamos con fruición era na música. Sempre a música. Non só aprendín de Raúl unha chea de matices para saber, realmente “saber”, escoitar un disco, mais sobre todo a desprenderme de cantidade de prexuízos neste terreo. Teño gravada unha secuencia en particular: sendo eu reacio á constelación de sons que el frecuentaba, á volta dunha das inumerábeis viaxes que fixera á súa amada Bretaña, agasallóume cunha recentísima produción de Alain Genty. Eu conmovinme ante a cualidade do disco, e Raúl –con ese sorriso inesquecíbel- exclamou: “Ves, non hai que ter anteolleiras”.
    Cando lle comuniquei, aí atrás, que conseguira entrevistar a Jack Bruce, ambos os dous compartimos a agradábel sorpresa e quedamos, para o seguinte encontro, de repasala cara a súa edición. Non puido ser. Mais eu seguirei conversando con Raúl, xa que os bos e xenerosos nunca marchan totalmente. Amigo.

    
    

Máis en OPINIÓN