O goberno español ditamina que o aeroporto d@s galeg@s é Barajas

O Ministerio de Fomento négase no Congreso a transferir a xestión das terminais de Alvedro, Lavacolla e Peinador a Galiza e defende unha estrutura en beneficio do ''consolidado'' aeroporto madrileño.

barajas aeroporto

O Ministerio de Fomento oponse a calquera mínima transferencia ou traspaso de competencias aeroportuarias sobre Peinador, Alvedro e Lavacolla a Galiza. A Secretaria Xeral de Transporte, Carmen Librero, afirmou mesmo que carece de sentido transferir esas competencias ás autonomías pois, afirmou “un todo é mellor que as partes”.

“É innecesario, incómodo e moi caro que os galegos teñan que pasar por Madrid para calquera conexión peninsular ou con outras partes do mundo”


Esta foi a resposta dada desde o executivo á petición de Rosana Pérez, deputada do BNG, que solicitaba no Congreso que Galiza dispuxese de competencias e capacidades “para mellorar a súa eficacia, programar e coordenar as rutas desde Lavacolla, Peinador e Alvedro”.

Consolidados e consolidarores

Librero mesmo deixou claro, din no BNG, que existen aeroportos consolidados e consolidadores, e que o aeroporto de Madrid-Barajas é o aeroporto consolidado que “o resto temos que alimentar”.

Para o nacionalismo galego iso supón defender un modelo centralista, con aeroportos radiais que deben alimentar ao “consolidado” que é Madrid. Un modelo que a deputada do BNG criticou porque está a prexudicar seriamente a Galiza. 

Non á privatización

Enfatizou Rosana Pérez que moi perto “está o aeroporto de Sá Carneiro, en Porto, que incrementa o número de pasaxeiros a medida que os perde Galiza”. Desde logo, amosou o “total rexeitamento do BNG” á privatización de AENA porque empeoraría a situación, e explicou que a mellora da eficacia dos tres aeroportos galegos pasa porque Galiza os xestione a fin de estabelecer as rutas, facer unha programación coordinada e que atenda ás necesidades sociais e económicas dos galegos e das galegas”.

Máis en OPINIÓN
Comentarios