Entregar os portos de Vigo e A Coruña a bancos estranxeiros e grandes navieiras

O goberno central estaría a avaliar a privatización dos portos estatais, cinco dos cales están situados en Galiza: Vigo, A Coruña, Ferrol, Marín e Vilagarcía. “Moito nos tememos que o executivo decidise abrir a espita das privatizacións no sector portuario, unha das xoias da coroa”, alerta a deputada Rosana Pérez

Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, presentou unha pregunta dirixida á Ministra de Fomento para que aclare se está a negociar con bancos de investimento e grandes navieiras a privatización de portos de interese xeral. Na Galiza hai cinco destas radas: Vigo, A Coruña, Vilagarcía, Marín, Ferrol-San Cibrao.

“Fomento estaría en conversas con bancos estranxeiros para abordar a privatización de portos do Estado”

“Que portos está o Goberno pensando en entregar á iniciativa privada? Estarían portos galegos entre eles?”, son algunhas das cuestións que a deputada nacionalistas dirixe a Ana Pastor

Pérez lembra que hai informacións que indican que o Ministerio estaría en conversas con bancos estranxeiros para abordar a privatización de portos do Estado. Subliña que “os portos son un auténtico negocio para a iniciativa privada posto que contan cunha débeda moi baixa”. Ademáis de bancos de inversión tamén se fala de grandes navieiras e de concesións a 50 anos.

Antecedentes

A parlamentar nacionalista sinala que os portos xerais do Estado español son infraestruturas “modernas, das mellores do mundo e están nunha posición privilexiada”. Desde o BNG lembra que esta vía de privatización xa a seguiu o goberno cos camiños de ferro e os aeropostos.

Máis en OPINIÓN
Comentarios