Editorial Sermos291

E a LOMCE segue vixente

lomce
photo_camera Concentración contra a LOMCE

Durante as campañas electorais repetíronse as promesas de derrogación das reformas laborais e das pensións da coñecida como Lei Mordaza ou da LOMCE. Os números dan, mais ano e medio após a investidura de Raxoi, nada se derrogou e, para máis, reformas laborais, Lei Mordaza e LOMCE deixaron de ser a prioridade das formacións políticas con representación no Congreso.

O pronunciamento do Tribunal Constitucional, que desestimou o recurso do PSOE contra a LOMCE, é unha oportunidade para que as forzas políticas alternativas ao PP acaben cunha lei centralista que dá abeiro ás subvencións con diñeiro público a centros de ensino que segregan o alumnado polo sexo e que recuperou o carácter avaliábel da relixión. Dado que a aritmética o permite, a que agardan para se poñeren de acordo e botaren abaixo unha lei que conta coa oposición da meirande parte da comunidade educativa, unhas reformas que atentan contra a clase traballadora e unha norma que senta no banco de acusados rapeiros e activistas?


 

Máis en OPINIÓN
Comentarios