Didier Dreo, "Raúl descóbreme a lingua"

É difícil falarmos en poucas liñas dunha personaxe tan plena, carismática e única como Raúl Piñeiro. Coñecino en Rennes en 1987, cando eu era estudante, a través dunha amiga común, e axiña asentamos o inicio dunha fonda amizade, eu fiquei literalmente conmovido por unha sensibilidade e unha humanidade sen igual. Lembro noites enteiras falándomos sen parar, e eu sentíame transportado pola profundidade das súas palabras que me contaban o mundo desde unha perspectiva totalmente nova para min, as súas aventuras en Arxentina, Madrid, Suíza, Galiza, as súas múltiples peripecias nun mundo a miúdo hostil, marcado pola ditadura e a maneira en que resolveu as situacións máis que difíciles. Este tipo xa vivira varias vidas, e aínda así, isto non facía máis que empezar.

E logo chegou esa viaxe a Galiza, o seu país, do que falaba con paixón. Eramos cinco Raúl, Dominique, Fabienne, Pepé e mais eu. Lembro o entusiasmo co que descubrimos o seu país, a beleza das palabras, antes que a beleza das paisaxes e das xentes, as descricións precisas e sabias do que nos envolvía, non é mentira ningunha e non esaxero se digo que coñecía cada metro cadrado do seu país, todo isto nunha atmosfera de festa e de anceios, todos tiñamos, uns e mais os outros, poucos cartos, mais eramos definitivamente ricos.

"De volta na Bretaña onde grazas a Raúl descubrín a lingua que tiña en min, o bretón e a cultura bretoa, que sempre estivera na miña beira, despois volvín a Galiza onde vivín un ano".

As montañas do norte de España, e logo os Ancares e esa entrada a Galiza polo Cebreiro, polo Courel, onde tiven o meu primeiro encontro cun lobo, que aínda non esquecín! Escollemos un de todos os camiños que levan a Compostela e logo viu a chegada a Vigo, a casa dos pais de Raúl, onde estivemos quince días. De tanto que se parecían, os seus pais, Clara e Antonio, aos meus, tiven a impresión de estar na miña casa. Aínda hoxe lles agradezo o acollemento que recibín. Ademais de amigos, chegamos a ser como irmáns, eu o mozo cándido, descubrindo o mundo e Raúl, aínda que novo xa tiña vivido moitas cousas. Hugo Prat dicía que xa no lle era posíbel facer vivir o seu heroe, Corto Maltes, nese lugar en que se tiña convertido o mundo nas últimas décadas do século XX, un contexto en que segundo el non eran posíbeis máis aventuras, pois ben, crédeme, tiña que ter contado con Raúl. Nunca máis nos separamos malia a distancia.

De volta na Bretaña onde grazas a Raúl descubrín a lingua que tiña en min, o bretón e a cultura bretoa, que sempre estivera na miña beira, despois volvín a Galiza onde vivín un ano. Até esa xira memorábel co grupo KERN polo norte de España, Galiza, tres semanas en camiño, co mellor dos Guías: Raúl Piñeiro, que bos momentos pasamos xuntos!

Despois unha chamada de teléfono abondou para marcharmos mercar unha guitarra a Madrid e alí, outra vez, cantos intensos e fermosos momentos, entre encontros, aventuras, éxitos, fracasos, crédeme, houbo de todo menos aborrecida rutina. Logo en 2003 constato que Raúl ten problemas persoais, nin o pensei embarco a toda a miña familia en dirección a casa de Raúl, o que el mesmo fará ao visitarme moitas veces en tempos nos que eu tampouco estaba no meu mellor momento. 

Cantos momentos máxicos vividos con Artai, o seu fillo, e cos meus, Meltan e Sterenn, gozabamos coa idea de retomar a estrada xuntos no 2013, unha bonita arela a que nos agardaba...

Raúl era ás veces un home complexo e sempre tan neno, até o extremismo e íntegro en todo e sobre todo, o que probabelmente lle creou algunhas inimizades, era alguén dunha cultura extraordinaria, dunha inmensa sensibilidade e dunha grande humanidade.
Raúl ti estás e permanecerás no meu corazón sempre... Ti e a túa familia.

Raul mon pote, mon frangin.
 

Máis en OPINIÓN
Comentarios