David Fernández Calviño, "Ó meu amigo, do que tanto aprendín"

Coñecinte a principios do 2003 nunha pequena aventura  que nos conduciu polos camiños de Toén.  Alí, na miña primeira experiencia política, ano 2003, a primeira vez que o BNG nos presentabamos ás eleccións municipais de Toén, apareciches a botar unha man sen pedir nada, apoiándonos en todo e sen querer dirixirnos.  Naqueles días de campaña, de aldea en aldea no teu coche non parei de facerche preguntas, e cheguei a unha conclusión que guía o meu facer diario: sermos firmes nas nosas conviccións e non abandonarmos a xente que nos apoia nos malos momentos unha vez chegarmos ó poder.  Sei que o nacionalismo galego de esquerda estaría moito mellor se tivese seguido ese consello que me diche cando te coñecín. Anos despois ambos rematamos en ANOVA, aínda que esa é outra historia.

"Sendo ti coñecedor de medio mundo e apreciado por xentes de calquera nación, home internacionalista, sacrificábaste por xente que non cho agradecía"

Eras un bo é xeneroso, diche a túa vida por un ideal, desinteresadamente, deixando a túa saúde no camiño. Sendo ti coñecedor de medio mundo e apreciado por xentes de calquera nación, home internacionalista, sacrificábaste por xente que non cho agradecía, por un pobo, o Galego, o que ti serviches mellor do que eu nunca serei capaz de servir, do que fuches un dos seus mellor embaixadores no mundo.

En Toén, todas e todos os que te coñeceron senten profundamente a túa marcha ó alén, mais queda o teu recordo que nos induce a continuar a pelexa por acadar un pobo galego solidario, cooperativo e dono de seu. Ti representas a ética coma fundamento da política.

Raúll Piñeiro, meu mestre, meu amigo, espero non defraudarte.

David Fernández Calviño, Deputado por ANOVA no Parlamento Galego

Máis en OPINIÓN
Comentarios