Cartas ao director

A cuestión catalá: legalidade ou vontade?

Senyeras

Sobre a fervente “cuestión” catalá, tertulianos, analistas e políticos insisten, unha e outra vez, na ilegalidade do referendo convocado para o vindeiro 1 de outubro e das recentes leis elaboradas polo Govern. Porén, máis que a legalidade, o relevante nesta cuestión é a vontade. Ámbalas dúas, legalidade e vontade, pódense mudar se é necesario e chégase a un acordo; pero como é evidente que, debido á súa orixe e natureza, a vontade dos cataláns non o vai facer, o que terá que cambiar é a legalidade. ¡Non hai outra! ¿Por que? Porque como nos ensinou o gran historiador e filólogo francés Ernest Renan na súa conferencia —que todo aquel que queira coñecer a esencia dos nacionalismos terá que ler e comprender— ¿Que é unha nación?, impartida na Sorbona no ano 1882: “Unha nación é un plebiscito diario”. E ese plebiscito está a acontecer un día tralo outro en Cataluña dende hai séculos. 

Xabier Vila-Coia. Madrid.

Máis en OPINIÓN
Comentarios