Editorial Sermos267

Catalunya non se engurra

diada
photo_camera Un aspecto da Diada de 2017

A celebración do referendo do 1-O tivo moito de épica democrática. Polas enormes dificultades impostas polo Estado, que se afanou con todos os medios –brutalidade policial incluída– en tencionar, sen éxito, evitar que o pobo catalán decidise libre, democrática e pacificamente o seu futuro. Pero aínda máis complexa sabiamos que sería a efectivización do seu resultado, no que unha clara maioría apostou na independencia. A construción da República Catalá non será un proceso mecánico. Seguirá sometido á tensión co Estado español, que ten deixado patente a súa negativa a procurar unha saída negociada.

No entanto, diante das dificultades nin o bloque soberanista nin o Govern retroceden no seu compromiso democrático por traducir politicamente a vontade popular. Fano, iso si, cun chamamento urxente a “desescalar a tensión”, como demandou o propio president Carles Puigdemont. A folla de rota até aportaren á súa constitución nun Estado pleno, deixaron claro, pasa pola democracia, o diálogo e a paz. “Todos formamos parte dun mesmo pobo”, resumiu Puigdemont. O seu Govern parece disposto a seguir a capitanear o procés soberanista, con serenidade e tranquilidade, mais tamén con determinación. En fronte, un Estado que xa se debruza sen complexos polo autoritarismo e a axitación fascista.

[Este editorial aparece no número 267 de Sermos Galiza, disponíbel xa na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]

Máis en OPINIÓN
Comentarios