Carlos Núñez, "Un abrazo emocionado"

O último día que estiven con Raúl foi cando presentamos a película "Brasil somos nós" en Tui, o seu derradeiro fogar.
Foi un abrazo emocionado. Imaxinei nese intre a dous antergos navegantes reencontrándose despois de daren a volta ao mundo.
Creo que ese era o espírito de Raúl: Un viaxeiro libre e indómito que seguía o seu instinto, sempre na procura dun novo soño polo que loitar.

"Traballou como un auténtico Don Quixote das Fisterras en pro da historia de amor entre Bretaña e Galicia"

Coñecín a Raúl a mediados dos anos 80, antes de que caese na “apócema máxica” da música celta. Por entón rexentaba o xa desaparecido “Alma”, unha auténtica “cova da intelectualidade” onde resoaba o Jazz, en pleno corazón do Vigo Vello. Xa non me lembro como foi que se achegou á fogueira céltica naqueles anos difíciles para a música tradicional. O caso é que a partir de aí traballou como un auténtico Don Quixote das Fisterras en pro da historia de amor entre Bretaña e Galicia. A meirande parte dos grandes músicos bretóns gardan moito cariño por Raúl e non esquecen aqueles anos nos que Galicia os acolleu en todos os seus festivais. Ese milagre foi posible grazas ao traballo de Raúl. Aqueles festivais Celtas de Galicia foron a semente para os esplendores que virían a continuación. Pero como na vida mesma, tralo día ven a noite, e é nesa escuridade cando nacen ou renacen as persoas como Raúl.
Non te esqueceremos amigo!

Máis en OPINIÓN
Comentarios