Carlos Lorenzo Simon, "Raúl Piñeiro: Traballar polo país"

Xa van seis meses que marchou Raúl Piñeiro Vidal. Morreu de pé, na beira do río, do pai Miño, ao paso na aldea da súa nai, cos pés case que  na auga e diante do seu fillo Artai e de Antonio, o seu pai. Só lle faltou ter o puño en alto, pois foi así como pasou pola vida, reivindicando a xustiza fronte as barbaries e loitando polas causas dos asoballados.

Cando os meu pais cambiaran a emigración Alemá pola de Madrid o Raúl xa volvera da Arxentina cos seus, e a min dese tempo quédanme dous recordos inesquecibles. O de aquel primo maior que tantas veces  coidaba de min e que non paraba de darme esas bolachas con leite que tanto me gustaban, e logo xa o Raúl con vinte anos, os pelos longos e a roupa con cores, xa de camiño a Ibiza. Claro que daquela case todo era gris, como os grises que moitas veces lle fixeran correr por aquelas rúas de Madrid. Foi naquel tempo que lle entrou o fervedoiro e xa non parou de trotar os mundos e ben pode ser que este andazo mo pegara a min, pois eu tamén con dezanove anos collín a mochila e como fixo el marchei a percorrer algo de mundo. 

"Aprendín a lingua dos avós e coñecín a nosa realidade, outra vez o mesmo camiño do Raúl, non se pode estar calado, non se pode estar parado ante tanta inxustiza"

Co paso dos anos e xa de volta e traballando en Madrid recibía as visitas de Raúl, moitas veces na compaña dos músicos cos que andaba de xira, e escoitaba a paixón que transmitía pola súa terra, pola nosa terra. Foi pouco a pouco abríndome os ollos e fíxome ver Galiza.

Volvín seguir os seus pasos,  retornei á aldea do meu pai coa certeza que esa é a terra que me dá a identidade, a que dende moi neno reconforta o meu ser. É moi probable que sen Raúl non tivera dado o paso a tempo... e aínda haberían de pasar anos ata que xa xubilado como moitos chegara o tempo de volver, quizais derrotado pola vida e sen ánimo de vivir o meu país.

Pero non, cheguei a tempo con forza e con ánimo de traballar, polo meu sustento e polo meu país. Aprendín a lingua dos avós e coñecín a nosa realidade, outra vez o mesmo camiño do Raúl, non se pode estar calado, non se pode estar parado ante tanta inxustiza, ante tanta mediocre barbaridade, só fica o camiño da emancipación, como Raúl acabei militando no BNG e como Raúl optei por facer o mesmo traballo agora noutro proxecto político nacionalista.

Nesas andamos e levamos algunha ledicia, Anovadas ilusións, pero chegou a Vella do arco que e a que manda, e cortoulle o fío.

Agora Raúl xa non vai estar para abrir os camiños, para dar os consellos nin para rirmos con el. Fica  do seu ser moito dentro de nós, e el ben seguro que está nesa terra dos benaventurados dos nosos ancestros celtas.

Carlos Lorenzo Simon
Neolabrego nas viñas do Ribeiro.

Máis en OPINIÓN
Comentarios