BDS levántalle o boicot por vez primeira á cantante Noa nos seus concertos galegos

A cantante israelí Noa ofrece nestes días dous concertos na Galiza -A Coruña e Vigo- nos que, por vez primeira, non se topará co boicot de BDS. A organización dálle unha tregua por ter apoiado unha manifestación contra a matanza de Gaza. 

Noa
photo_camera Noa

Por vez primeira BDS non boicoteará os concertos de Noa na Galiza e a razón é a súa participación na manifestación convocada por grupos pacifistas israelís en apoio da fin da matanza de Gaza. “Na esperanza de que este xesto sexa mais algo mais do que un movemento de distracción nunha traxectoria marcada polo apoio ás políticas xenocidas do estado en que se instalou voluntariamente despois de abandonar o seu país de nacemento (os EUA) e servir no exército durante dous anos”, sinalan desde BDS como as razóns que explican a decisión de non boicotear as actuación da Galiza. 

Lembran, de todas maneiras, que até agora a cantante israelí foi “unha das pezas fundamentais da campaña Brand Israel, a iniciativa con que o estado sionista procura normalizar aos ollos da humanidade a ocupación do territorio da Palestina e a expulsión do seu pobo mediante sucesivas operacións de limpeza étnica”. Un dos concertos na Galiza boicoteados por BDS foi o que tivo lugar na Cidade da Cultura. 

Campañas con suceso 

BDS dá conta tamén do suceso de diferentes campañas que reclamaban a retirada de produtos israelitas de cadeas e establecementos comerciais. Sephora eliminou dos seus comercios os cosméticos elaborados con sales do Mar Morto despois dunha campaña internacional que esixiu a súa eliminación do mercado. Tiger, pola súa banda, tiña no mercado unha liña de cosméticos “made in Israel” que a matriz obrigaba a vender mais que na Galiza decidiron non repoñer unha vez se esgotaron as existencias. No outro lado da balanza, sitúa á cadea xogueteira Imaginarium, á que se dirixen todos os anos mais aínda non conseguiron que pechase as tendas abertas en Israel nin que deixara de vender produtos israelitas. 

Máis en OPINIÓN
Comentarios