Aurora Marco, Republicana de Honra 2014

A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña decidiu recoñecer á investigadora Aurora Marco como Republicana de Honra 2014 polo seu traballo na recuperación da historia das guerrilleiras e das mulleres que padeceron da represión franquista. 

Imaxe da gravación de Silenciadas
photo_camera Imaxe da gravación de Silenciadas

A traxectoria de Aurora Marco na investigación e difusión da historia das mulleres na resistencia ao franquismo, das exiliadas e das que padeceron a represión da ditadura foi recoñecida pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ao serlle concedido o título de Republicana de Honra 2014 co que antes foran nomeadas mulleres como Mariví Villaverde ou Mª Teresa Alvajar, de quen Aurora Marco editou as súas memorias. 

A CRMH distingue a Aurora Marco e, no seu nome, tamén a todas as mulleres que participaron na guerrilla antifranquista galega, de quen a investigadora seguiu os seus pasos recollidos no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento) que logo se convertería nun documental dirixido polo seu fillo Pablo Ces do que ela sería guionista. O documental “Silenciadas”,recibiu en 2011 o premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual e o “Memoria i Justicia Universal” no III Festival Internacional de Cine de Dereitos Humanos da Santa Coloma de Gramanet ademais de ser seleccionado na “Mostra Paralela” do Festival MUJERDOC de Soria. 

Ademais da investigación que revelou a participación das mulleres na guerrilla antifranquista, a traxectoria de Aurora Marco na recuperación da historia das mulleres inclúe outros títulos como As precursoras, Mulleres e educación na Galiza, a propia edición das memorias de Teresa Alvajar ou o Diccionario de Mulleres Galegas, alén de participación nunha morea de actos públicos e conferencias que dan voz e nome ás mulleres que a historia oficial ocultou.

Comentarios