Alfonso Pato: "Beaj Vat"!, Amigo Raúl"

A derradeira imaxe que lembro con agrado de Raúl Piñeiro foi o pasado verán en Douarnenez, na Bretaña. Era de noite, e Raúl e máis o meu colega xornalista parisino de Laxe Antonio Rodríguez explicáronme algo co que estaba desfrutando moito: o Fest-Noz, o gran baile nacional da Bretaña, unha festa que representa a máis fonda tradición bretoa. En Douarnenez tratei moito a Raúl, que coa súa inmensa xenerosidade me contou todas as cousas marabillosas da Bretaña, unha terra que adoraba, e onde creo que se sentía un bretón máis, desde varias décadas atrás cando empezou ir a traballar na vendima.

Coñecera a Raúl uns meses antes en Cans. Chegou alí como anfitrión de Eric Premel, o director do Festival de Douarnenez. Demos un paseo pola vida normal da aldea sen festival e conteilles qué era o que facíamos en Cans e como funcionaba o festival. Non nos volvimos ver ata as noites do verán na Bretaña. 

Unha noite desfrutamos da música e despois fixemos unha sardiñada no peirao, coa compaña de Manuel Rivas, de Miguel de Lira, Quique Otero ou Pela del Álamo entre outros. Afumados polas sardiñas e humedecidos polo viño, tivemos de fondo a banda sonora de Artai, o seu fillo, que sempre levaba a súa guitarra ó lombo.

"Raúl era un gran embaixador cultural de Galiza, un deses tipos que cando están pasan desapercibidos pero cando faltan dámonos conta do moito que son necesarios". 

Foi unha gran noite, e de súpeto naquel peirao Raúl descubriume cousas fascinantes. Presentoume varios bretóns e bretoas que falaban un galego que emocionaba escoitar alí, na outra Fisterra, e que ata sabían cantar cancións tradicionais da Mariña ou que sabían todas as mensaxes que gardan os nós que as mulleres galegas fan co seu pano. Fiquei realmente sorprendido de que, a milleiros de quilómetros de distancia, houbese xente que mostrase tanto interese pola lingua e pola cultura tradicional galegas. E sobre todo de cómo Raúl Piñeiro disfrutaba descubríndome todas esas cousas. No fondo, Raúl era un gran embaixador cultural de Galiza, un deses tipos que cando están pasan desapercibidos pero cando faltan dámonos conta do moito que son necesarios. A identidade dun país non a constrúen só escritores, músicos ou cineastas. A identidade dun país tamén a constrúen axitadores do cotiá como Raúl.

A principio de Decembro, o Fest-Noz foi declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola Unesco. Viñéronme á cabeza as explicacións de Raúl en Douarnenez e estiven a piques de mandarlle unha mensaxe pero non o fixen. Seguro que se alegrou infinitamente. Só un par de semanas despois, Raúl morreu e volvín pensar no Fest-Noz.

Pensei que un día hei tentar bailar nun Fest-Noz en homenaxe a Raúl, a persoa que me explicou a Bretaña dun xeito tan agarimoso. E se pode ser, que ande por alí Artai coa súa guitarra. Non me gustaría que a chama que deixou Raúl se apagase, nin que a guitarra de Artai ficase muda. 
Morrer sempre amola, Raúl, claro que si. Pero aquí imos seguir moitos e moitas loitando por esas cousas pequenas polas que ti loitabas: pola música, pola tradición e pola lingua. Como diríades na lingua do teu outro país: Beaj vat! . Boa viaxe! amigo Raúl. 

* Alfonso Pato. Xornalista e director do Festival de Cans.

Máis en OPINIÓN