A UE e os EUA redixen xa un acordo de libre comercio que afonda no neoliberalismo

Arrincan as xuntanzas oficiais para confecionar unha alianza que esperta temores xa que pode crear un espazo dominado por un eixo entre Washington, Berlín e Londres aínda menos interesado en calquera tipo de cohesión económica e que igualaría a lexislación europea coa estadounidense.  

Bandeiras EUA-UE
photo_camera Bandeiras EUA-UE

Comeza un proceso de grande alcance e incertas consecuencias. Durante toda esta semana, en Washington, decorrerán as primeiras xuntanzas entre unha delegación da Unión Europea e outra de Estados Unidos para redactar o que chaman Acordo Transatlántico de Comercio e Inversión, ou simplemente Tratado de Libre Comercio, un trato que suporía un importante cambio nas relacións económicas entre ambos axentes e que pode significar un reforzo aínda maior para as políticas neoliberais que están a aplicar ambas partes, que actualmente se atopan en medio dunha forte crise que semellan querer aproveitar para recuperar terreo de dominio internacional no caso norteamericano e para profundar nun modelo hiper-capitalista no que respecta a Bruxelas.

O acordo -que podería asinarse o próximo ano, logo de varias xuntanzas máis- entre a Unión Europea e Estados Unidos pode incluír cuestións moi na liña da actual globalización, como a eliminación de calquera barreira legal entre os dous ámbitos, por exemplo nos movementos financeiros. Fontes da UE xa recoñeceron ter “un interese moi claro de traballar con Estados Unidos para facer máis compatíbeis os sistemas normativos e de regulación tamén en sectores como o automobilístico, farmacéutico e químico, por exemplo promovendo unha maior equivalencia nas normas”.  

Pero o futuro tratado, xa provoca enormes sospeitas en distintos sectores. Segundo lle confesou ao xornalista Luís Villamor hai uns meses Xavier Vence, voceiro nacional do BNG e economista, “o acordo de integración para crear unha zona de libre cambio que abranga Europa e América do Norte muda radicalmente o enfoque da UE, cuxo espazo de integración xa non é Europa, senón Euronorteamérica, onde o que puidesen ser esforzos para consolidar unha certa cohesión no espazo europeo desaparecen. Neste escenario europeísta non hai futuro”.

O Tratado podería levar consigo a homologación das condicións que rexen nos respectivos mercados laborais, con clara perda de dereitos para as e os cidadáns europeus

Así, a creación dun mercado común entre a UE e Estados Unidos que esta semana comezou a redixirse e negociarse pode concretarse na consolidación dun eixo Washington-Berlín-Londres, co Reino Unido buscando na alianza “natural” cos EUA para se sentir máis cómodo do que está coa Europa continental e no que tamén intentará ocupar un lugar de privilexio Francia, mentres que o resto quedará definido como periferia dominada, en maior o menor grao. Seguramente en maior no caso galego, en vista dos precedentes.

Diversas organizacións e observatorios teñen amosado outras reticencias sobre o que pode deparar este tratado xa en fase inicial de negociación definitiva. Existe temor sobre os dereitos laborais, que poderían baixar até os escasos niveis dos EUA, así como podería abrirse a porta a prácticas aínda agresivas coa natureza, sen precaución ecolóxica ningunha. A seguridade e soberanía alimentaria tamén quedaría moi lonxe dos obxectivos do acordo, así como certa protección cultural.

Tamén en materia de dereitos civís o tratado esperta reticencias. Nese sentido, non deixa de resultar significativa a normalidade -hai quen di “submisión”- coa que a UE comeza estas negociacións con Estados Unidos, malia terse coñecido hai moi pouco os graves casos de espionaxe por parte norteamericana en Europa. Se cadra, esa actitude encerra unha clara pista sobre onde vai ir ese futuro tratado.

Máis en OPINIÓN
Comentarios