A Alameda convértese no centro cultural de Ourense coa Feira do Libro

A Alameda é desde o 4 ao 9 de xuño o grande centro cultural de Ourense. A Feira do Libro abre as súas casetas e ofrece unha completa programación para todos os públicos, desde contacontos e teatro para as crianzas até debates e presentacións sobre as novidades literarias. 

Feira do Libro
photo_camera Feira do Libro

A Feira do Libro de Ourense chega a súa 29 edición convertendo de novo a Alameda no centro cultural de programación máis intensa da cidade. Do martes 4 ao domingo 9 de xuño, actividades de todo tipo animarán a ler e a mercar libros ao ar libre nunha ferira que se inaugura ás 20.00 horas do propio martes cun acto institucional que contará tamén coa actuación da Banda Municipal de Música e do espectáculo poético de María Lado e Lucía Aldao, “Con dez poemas por banda”. 

Arredor de dez librerías, unha caseta para Oulet, Biblioteca da Feira, un punto de Información e unha Ágora de actividades comporán a estrutura deste paseo arredor dos libros no que cada ano se torna a Alameda de Ourense na Feira do Libro organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Seis días de actividade cultural no que non faltará en ningunha das xornadas unha programación especial para as crianzas. Contacontos O Cullarapo Croque de Miguel Angel Alonso, Canta conto, conto canta, por Avoa Youja, Contos para levar no peto de Cucarandainas, Obradoiro de maxia a cargo de Mago Toño ou As dúbidas dos animais, contacontos de Fátima Fernández son algunhas das propostas para a xente miúda.

Libros e tamén gastronomía

Tamén todos os días haberá presentación de libros e así, pola Feira pasarán autores como Ramón Caride, Miguel Anxo Fernán Vello, Alberto Ramos, Alberte Blanco, Pedro Feijóo, Diego Ameixeiras ou Xosé Carlos Caneiro. 

A gastronomía terá tamén un espazo especial coa realización dun taller de repostería creativa, a presentación da nova plataforma de comunicación enogastronómica wwwbenbo e Revista Bebbo con Miguel Vila ou a presentación do libro Cociñando coas razas autóctonas de Rocío Garrido Caramés. 

Uxía presentará o seu libro CD Rosalía Pequeniña e Comba Campoy e Anxo García achegaranos á Barriga Verde a través dunha conversa sobre os títeres galegos e coa presentación do DVD- Libro, “Morreu o demo, acabouse a peseta”.  No Ano de Roberto Vidal Bolaño, a súa figura estará tamén presente na Feira de Ourense por medio do Teatro Antroido con Laura Ponte e Roi Vidal. 

A de Ourense é a quinta das once Feiras que compoñen o calendario oficial e que terá a súa continuación en Vigo do 28 de xuño ao 7 de xullo para seguir en A Coruña, Viveiro, Foz, Monforte de Lemos e Rianxo. 

Máis en OPINIÓN
Comentarios