Tatán R. Cuña: "Raúl sorría cos ollos..."

Foi como se saíse da casa cara a argallar algún novo proxecto musical, algunha nova programación nun lugar distinto. Foi, como sempre, non sei onde porque ao Raúl víao de cando en vez e sempre me falaba das súas cousas como se sempre estivésemos xuntos e despois os dous desapareciamos para continuar en camiños paralelos, sempre traballando entre ás pedras, porque Raúl era un mariñeiro da terra que se dedicaba a pescar e compartir cultura musical, cultura teatral e moita paciencia para que os proxectos foran adiante. Marqueting cero, ilusión toda. Iso facíao diferente e reconvertía o proxecto nun labor humanitario, porque Raúl era iso humano e un grande profesional da nosa Cultura, un espallador da Cultura Galega.

" Raúl era un mariñeiro da terra que se dedicaba a pescar e compartir cultura musical"

Era o meu amigo na proximidade e na distancia e cando nos atopabamos Raúl sorría cos ollos e preguntábame por Tanxarina, polo teatro, pola miña vida e eu pola súa. Tiñamos a complicidade dos amigos e como amigos levounos algunhas veces a Portugal para facermos espectáculos coa Asociación Zeca Afonso da que tantas veces tiñamos falado. Era a nosa correa de transmisión co país veciño nos comezos da nosa compañía. E nós queriámolo porque descubriamos con el novos horizontes para realizarmos o noso traballo. Coido que vou tardar en entender que o meu amigo non vai aparecer de cando en vez para contarme como lle vai, coido tamén que Raúl non se foi para sempre e que nalgunha das miñas funcións vouno distinguir sentado na platea sorrindo cos ollos e facéndome un aceno de complicidade. Raúl foise non sei onde pero o meu compañeiro xa está imprimido nos meus recordos e a memoria dará conta del nas miñas conversas, nos meus actos e nas miñas conviccións de querer seguir na senda onde as pegadas do meu camarada ficaran para sempre. Boa viaxe compañeiro.

Máis en OPINIÓN
Comentarios