Os Bolechas saen na tele

Carlos, Pili, Loli, Sonia, Braulio, Tatá e Chispa son os protagonistas dunha serie que comezará a se emitir o día 24 de setembro na TVG. A familia creada por Pepe Carreiro chega á pantalla a maneira de monicreques manexados por Caramuxo.

No espazo do Xabarín, da segunda á quinta feira en horario de mañá e tarde ademais dos sábados, os Bolechas chegarán ás casas da cativada a través da televisión. Será a partir do próximo 24 de setembro, cando os seis irmáns e irmás collan movemento a través dos monecos manipulados pola compañía de teatro Caramuxo nuns episodios que, como nos libros, acollerán as particulares historias da familia. 
O creador dos Bolechas, Pepe Carreiro participou no acto de presentación do novo espazo televisivo diante duns douscentos nenos e nenas e anunciou que na serie se emitirán capítulos “variados e divertidos”. Braulio participará nun concurso de chistes, Carlos construirá un autobús de cartón para levar as irmás e irmáns e Sonia conmemorará o seu anirversario apagando as candeas. 

 

 

Ademais dos monicreques de Caramuxo coa forma dos protagonistas da serie , o espazo contará coa participación de Ángela Blanco Lesta “Xela”, unha moza que interactuará cos Bolechas. Na festa de presentación participaron tamén artistas de Pista Catro que están a desenvolver o espectáculo Brinca Bolechas con elementos de teatro, música e circo, nunha nova dimensión da familia galega máis coñecida. Pepe Carreiro agradeceu tamén a participación á equipa que deu vida aos Bolechas, Marcelo, o debuxante dos monicreques, Lúa Filmes que crearon os escenarios e a gravación, Manuel Ribeira, o músico e Bolanda, empresa que se encarga da organización e xestión. O acto de presentación contou cunha ampla representación isntitucional da consellaría de Cultura e Educación, a TVG e Novacaixagalicia Banco. 

A saída do espazo televisivo relanzará o Club dos Bolechas ao que todos os nenos e nenas se poden asociar e en que atoparán libros interactivos.


Para seguir as novidades “bolecheiras” está a páxina web (www.osbolechas.com) e tamén os perfís nas principais redes sociais: en Facebook (www.facebook.com/osbolechas), Tuenti e Twitter (@OsBolechas).ctivos, xogos, novas ou outros contidos.

Cos Bolechas moit@s nenos e nenas coñeceron o país, aprenderon o que era un carro, foron ao supermercado, souberon como se atravesaban as rúas ou mesmo aprenderon a coidar da natureza. A través dos libros, as crianzas comezaron a tratar a cada un dos membros da popular familia que agora chega á tele.

Máis en Okapi no Courel
Comentarios