O creador dos santos baixa aos infernos

En “Compostela Iconográfica” interpretou o santoral e agora o artista Jack Mircala baixa ao mundo de Dante, ao inferno da inexistencia na súa nova obra Baixada a Esquela (El Patito Editorial).

Arredor da morte, coas súas figuras góticas, xirou o obradoiro con que o creador Jack Mircala achegou as crianzas participantes no seu obradoiro do CGAC ao mundo de Dante, o mozo protagonista do seu novo libro Baixada a Esquela, o segundo do autor que El Patito Editorial publica na colección “O Baúl de Sombras”, dedicada ao artista . Lobrego romance, pálida pantasma, inaugurara a serie. O autor presentará o libro e mostrará o seu traballo o sábado día 3 na libraría Couceiro de Santiago. 

Recoñecido polo seu traballo na ilustración, herdeiro da estética gótica e das vangardas, Jack Mircala presenta unha imaxe que non é difícil identificar, cun selo propio que ao autor lle valeu, entre outros recoñecementos, o Premio Lazarillo de Ilustración.

As imaxes de Baixada a Esquela evocan tamén o universo que protagonizou o libro e a mostra Compostela Iconográfica. Unha visión do século XII, unha exposición que se abriu a inicios do mes de abril no Pazo de Xelmírez de Compostela, en que o artista madrileño reinterpretaba os cantos a través de 24 iconografías elaboradas con cartulinas, lápices a cores e pegamento. A mostra conseguiu ter arredor de 100.000 visitantes, cunha media de 800 persoas diarias.

O mundo gótico e romántico de Mircala regresa agora cunha historia que lle acae de maneira especial a súa estética. Trátase do relato que ten a Dante como protagonista, un mozo que morre cando está a piques de rematar a súa obra máis romántica.

A través de Corintia, a súa amiga, achegámonos a esa historia escrita que retrata tamén o destino do espírito de Dante, vagar polo tenebroso mundo de Esquela.

Máis en Okapi no Courel
Comentarios