Hamelín en Redondela

Por toda a parte, en rúas e prazas, nenos e nenas inundaron Redondela para asistiren á 13 edición do Festival de Títeres, unha cita que revoluciona a vila da ría de Vigo. Para todos os públicos mais, en especial, para a xente miúda.


Como se o frautista de Hamelín tivese chegado á vila, así foi o ambiente que, en especial nesta fin de semana, se viviu en Redondela. A XIII edición do Festival de Títeres congregou na vila un incalculábel número de persoas -a organización contaba con máis de 35.000 e non parece cifra desmedida- que encheron unha vila da que os coches desapareceran.

Polo medio das rúas, así se camiñaba en Redondela, co programa na man á procura de espectáculos de toda sorte de especialidades titiriteiras. Auditorios ao ar libre con carpas agromaban por todas as prazas e espazos públicos e así non era difícil pasar de atopar xigantes con zancos a unha obra de monicreques ou un teatriño de madeira tradicional. En todos eles, un público entregado que visitaba a vila para participar, cando menos, en catro ou cinco deles no programa que se estendía de mañá a entrada a noite.

Redondela respira nestes días o ambiente dos grandes festivais de teatro

Redondela respira nestes días o ambiente dos grandes festivais de teatro. A vila enteira aparece “tomada” polos títeres e son moitos os viciños e viciñas que colaboran de modo voluntario na organización. Coa camiseta oficial do festival e unha pucha de palla, en cada un dos espazos catro ou cinco persoas colocan ao público, supervisan os distintos elementos e están alerta diante de calquera cuestión. Son arredor de cincuenta, algunhas pertencentes á Asociación Xente Titiriteira e outras que se suman en cada convocatoria. Identifícanse con claridade porque portan o extraordinario deseño gráico que Pablo Giráldez, “O Pastor” preparou para esta edición e que se repite en cada tenda, bar ou praza da vila. Tirando da propia escenografía teatral, con moito colorido, Pablo afonda nas liñas de edicións anteriores, dándolle marca da casa xa que del é a autoría da imaxe desde o inicio do certame. A Pablo non é difícil velo polo festival, nos postos de venda de camisetas ou nos distintos puntos de actuacións. Un activo xa do propio encontro.

Monicreques por toda a parte

Compañías de toda a parte compuñan un programa de calidade polo que pasaron, entre outros, o Teatro de Formas Animadas de Portugal, a galega Tanxarina, Onírica Mecánica de Murcia, Bambalina Teatre Practicable de Valencia, Sofie Krog Teater de Dinamarca ou El retablo de Madrid na programación de sala, a única de pago do festival, iso si, con prezos populares. De todos xeitos, o grande espectáculo estaba na rúa, onde compañías como Rod Burnett de Reino Unido, Birloque de Cantabria, o Teatro Estatal de Marionetas de Varna ou Los Claveles de Murcia ademais de Cascanueces, Charanga Mecánica e Titireficciós de Galiza daban corpo a un programa que se completaba tamén con espectáculos de gorra aplaudidos por unha cativada entusiasta. O mercado titiriteiro con artesanía e a posibilidade de facerse co monicreques de distintos materiais é tamén un lugar de visita obrigada durante os días do festival.

O Festival entrou tamén nos centros de ensino do concello e proba diso é a mostra de títeres feitos a man polos nenos e nenas que se expoñen durante o encontro para que, máis unha vez, as persoas de Redondela sexan partícipes do Festival

Os títeres non son só cousa de crianzas mais, nos días do festival, Redondela amañece preparada para o desembarco de Hamelín. Centos de nenos e nenas en cada obra gozan cunha especial atención ao falar dos monecos e fan que a maxia, o misterio, a alegría e a participación sexan a realidade destes días no inicio da Ría de Vigo,

Máis en Okapi no Courel
Comentarios