Festa de monicreques en Redondela


Compañías de Reino Unido, Bulgaria, Dinamarca, Murcia, Cantabria, Madrid e Cataluña ademais das galegas participan no Festival Internacional de Títeres de Redondela que festexa a súa decimoterceira edición dos días 16 ao 20 deste mes de maio. 

Monicreques de man, luvas ou variñas, marionetas de fíos, monecos de madeira ou sombras chinesas son algunhas das propostas que ofrecerán as quince compañías de teatro dos múltiples países que participan no XIII Festival de Títeres de Redondela. 

"Trogloditas" de Tanxarina será a proposta da casa nun festival en que se combinan máis de vinte actuacións en rúas e prazas cos espectáculos de sala no Auditorio Multiusos da Xunqueira. Compañia de Teatro de Formas Animadas de Portugal, El Retablo Teatro deTíteres de Madrid ou Sfie Krog Teater de Dinamarca son algunhas das compañías convidadas ao festival organizado pola Asociación Xente Titiriteira e o Concello de Redondela . As propostas artíticas foron seleccionadas entre máis de 580 chegadas de todo o mundo. 

Co seu fundador Juanjo Amoedo na memoria, o festival conta coa participación de máis de cincuenta persoas voluntarias na súa organización que constitúen a Asociación Xente Titiriteira. O Festival promoverá a presenza dos monicreques na escola cunha campaña escolar en que participarán arredor de 2.500 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. A exposición "Os monicreques na escola" mostrará ese dinamismo nos centros de ensino. 

Máis en Okapi no Courel
Comentarios