Cociña e clown, ingredientes para "Bon Appettit"

Tres grandes chefs de requintado sibaritismo francés preparan en escena receitas do libro de Álvaro Cunqueiro. Arredor deste singular encontro, Teatro dos Ghazafellos ofrecen a súa nova produción na que ameazan ao público con “escachar ca risa”. A obra estréase o día 7 en Narón.
Gazafellos
photo_camera Gazafellos

Nin máis nin menos que Antúa de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem son os nomes dos chefs que se enfrontarán ao recetario de cociña tradicional galega de Álvaro Cunqueiro, un libro caracterizado por preparados simples, maiormente con pouca elaboración e centrados na calidade dos productos da terra. Deste encontro xurde a obra Bon appétit que Teatro dos Ghazafellos estrea en Narón o día 7, unha producción pensada para un público “de 5 a 100 anos”.

Cociña tradicional e clown a partes iguais nesta proposta que promete unha innovadora posta en escena e que ten o riso e a alegría como principal obxectivo. A idea orixinal é de Montse Piñón e o texto e a dirección de Pepablo Patinho que, canda Jorge Casas completan o elenco dos cociñeiros da obra. Despois da estrea en Narón, Bon Apettit poderase ver nas próximas semanas en Ferrol, Vigo, Boiro, Narón, Noia ou Redondela.

Con seis anos de experiencia en proxectos teatrais, visitando a mímica, os contacontos, obradoiros ou títeres,a compañía nada en 2006 en Ferrolterra, Teatro dos Ghazafellos preséntase agora cunha obra na que queren continuar coa filosofía que conduce a traxectoria da compañía: “Evocar ás grandes xenialidades que entenderon o máis efímero da nosa vida: a infancia”. Contos Mariñeiros, Frankenstein ou Nana para un Soldado ou Non é país para cabaleiros son algunhas das súas anteriores producións.

Máis en Okapi no Courel
Comentarios