Nin saen na tele nin teñen un lugar de honra nos centros comerciais, mais non sería mal darlle algunha indicación á cativada para que anotase algún deles na súa carta de peticións.
A música pode ser unha boa sorpresa nestes días para gozar dela durante moito tempo. Ollos de mel, é o título dun canto de berce e tamén do terceiro disco e DVD do grupo Pirilampo, publicado pola AS-PG despois de Cancións para Antía e Abracadabras. Calquera dos tres sería unha estupenda sopresa que daría en moi boas horas de divertimento e aprendizaxe a través da música, máis a nova entrega mostra a calidade musical da proposta xunto coas posibilidades dos recursos dixitais para levar á música ás aulas. Coa acabada de saír Maria Fumaça, de Uxía e compañía, máis Bicos de música, de Mamá Cabra, temos outras dúas extraordinarias opcións para poñerlle banda sonora ás festas. Quen busque un encontro didáctico á clásica, As catro estacións de Vivaldi do catálogo de Kalandraka constitúen un singular achegamento a todas as artes. De Kalandraka, calquera libro do catálogo sería un estupendo agasallo. Saídos do forno están A Galiña Roxa ou Ocultos, ese marabilloso catálogo de seres que se agochan na natureza.
As imaxinativas e protestatarias camisetas de Ozoco son tamén unha boa opción nesa prenda que vén sempre canda o xoguete.
Para unha sorpresa máis útil do que se poida pensar, ese pequeno paquete que se chama Minilibros que permite ter un feixe de contos a man, na casa da avoa ou na viaxe de verán, se a houber! Coa imaxe da editorial, a roupa de casa K permitiralle á cativada vestir de conto, cos debuxos dos coñecidos personaxes deseñados por Óscar Villán. As imaxinativas e protestatarias camisetas de Ozoco son tamén unha boa opción nesa prenda que vén sempre canda o xoguete.
Para alegrar máis aínda un día feliz, Carabuñas e Seis Barbudos, da editorial Oqo, poñen lectura divertida para a noite despois da dos nervios. Como a xeración nova ten nas pantallas un forte punto de atención, Oqo ofrécenos a serie de animación audiovisual Os contos do camiño, as historias dos personaxes dos libros que pasaron á pantalla. Tres opcións con tres contos cada DVD. Cine de animación para ver coas crianzas, pelis de feitura nosa para todos os públicos!
Para que a xente máis nova se inicie na poesía, Yolanda Castaño acaba de publicar canda o ilustrador Xosé Tomás o libro Verdedades
Para que a xente máis nova se inicie na poesía, Yolanda Castaño acaba de publicar canda o ilustrador Xosé Tomás o libro Verdedades (Biblos) e se o que se adiviña é que o cómic é o xénero da persoa a quen agasallamos, Marcopola de Jacobo Fernández (Xerais) é unha boa proposta. Descenso a esquela, de Mircala (El Patito Editorial) para darlle un pequeno toque “gore” ao branco Nadal. Con Arroces e Peixes acabados de saír do forno, vaise completando a colección para que as crianzas metan as mans na masa. O dos peixes sempre é boa recomendación, se veñen adubados de tan extraordinaria maneira que son quen de convencer @s máis aced@s deostador@s dos animais do mar en pratos infantís. Se á persoa de medio metro non lle interesa en exceso a cociña, ao mellor atopa maior comodidade construíndo figuras con papel, cos modelos que atopará en Papiroflexia. Iniciación e Papiroflexia. Animais de papel, que atoparemos no catálogo de Baía Edicións en que poderemos consultar tamén moitas outras sorpresas, de estoxos a clásicos adaptados.
Vén de estrearse tamén o xoguete interactivo A cidade de cenoiro, unha proposta de 3 a 6 anos que achega un xoguete didáctico na nosa lingua. As maquetas da empresa Wood Models de Outeiro de Rei propóñennos posibilidades para todas as idades, desde unha mosca até a Torre Eiffel. A bolsa de carboeiro convencerá con estes agasallos as crianzas máis esixentes e será, ao tempo, un contributo estupendo do Apalpador para as nosas industrias culturais. Se non están na carta, era bo facer unha indicación amigábel para que aparecesen. Serían presentes con moito futuro.