O viño é o protagonista das páxinas centrais do caderno 'Gozar' desta semana

Martiño Santos realiza unha viaxe polos camiños terrestres e marítimos do viño desde unha adega subterránea no Ribeiro.

O caderno 'Gozar' ofrece "unha aventura por descubrir"
photo_camera O caderno 'Gozar' ofrece "unha aventura por descubrir"

Gozar dos viños galegos é unha forma máis de gozar da cultura do país. O viño é un produto humano e os territorios históricos do viño botan por fóra: cheos de arte, de patrimonio, de historia e de paisaxe. Son berces de tradición, de historias familiares, de economía rural, de relacións co mundo, de música, cantos e danzas. O viño historicamente permite o acceso a unha realidade oculta que en Galiza é unha aventura por descubrir, con raíces por rastrexar.

Museo do Viño de Galiza

Para mergullar neste mundo hoxe podemos visitar o Museo do Viño de Galiza, en Santo André de Campo Redondo, Ribadavia. Un edificio singular do século XVIII creado como casa de priorado para explotación vitícola do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago. Exhibe unha colección que nos introduce nos viños galegos. 

Nos sotos do edificio, atopamos unha gran nave de pedra onde imaxinamos, cunha recreación audiovisual, a elaboración dos viños nos seus lagares pétreos. Máis abaixo, en dúas galerías escavadas na rocha, e anteriores á construción do edificio, chegamos á excepcional adega de Santo André.

A etapa de auxe e esplendor

Entre os séculos XVI e XVIII os viños galegos viven un período dourado de expansión con gran recoñecemento interno e internacional. Os lagares de Campo Redondo son boa mostra desta realidade na etapa final dese período (s. XVIII), onde aínda se expande o viñedo en Galiza. No s. XVI os portos galegos irradian os nosos viños a distintos puntos de Galiza, da costa cantábrica, e a distintas zonas do mundo con especial notoriedade en Inglaterra. Era tan popular o viño de Ribadavia alí que o coñecían como “Ribo” nas tabernas inglesas e até aparece nalgunha obra de Shakespeare. Quen afirma que o esplendor histórico da Galiza está vinculado á súa relación atlántica pode atopar no viño un sólido alicerce, antes de que a Inquisición demandase o peche de todos os portos galegos para evitar o contaxio luterano.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Unha aventura por descubrir'  no suplemento Gozar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as sextas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, afondamos no Monte Pinto;  Lucía Freitas e o escritor Pedro Feijóo deixan as súas opinións nas seccións 'Tesouros' e 'Rúas Secundarias', e Antón Riveiro Rodríguez, director comercial da Cerveza Nós, protagonizan o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios