martes 04/08/20

O suplemento 'Producir' afonda no contradición da suba na bolsa das accións de Alcoa

O artigo que abre o suplemento económico de Nós Diario incide no feito de que abonde con que a multinacional fixese pública a súa intención de fechar diversos centros produtivos e de despedir miles de traballadores e traballadoras en todo o mundo para que as accións da compañía aumentasen o seu valor na bolsa de Wall Street.

As páxinas centrais do 'Producir' desta semana aborda o tema da 'Galiza na era dos narcosubmarinos'
As páxinas centrais do 'Producir' desta semana aborda o tema da 'Galiza na era dos narcosubmarinos'

Desde o pasado 28 de maio, data do anuncio do despedimento de 534 empregados na súa factoría de San Cibrao, os títulos da compañía aumentaron en 24,7%, pasando dun valor nominal de 9,5 dólares a 11,8 dólares. Ao tempo, a capitalización da corporación pasou de 1.760 millóns de dólares até 2.200 millóns de dólares, aumentando o seu prezo en preto de 400 millóns de dólares.

Os investidores decidiron tomar posicións en Alcoa coincidindo co proceso de reestruturación da compañía a nivel mundial. O fechamento da planta de aluminio de San Cibrao enmárcase nunha estratexia anunciada pola multinacional o ano pasado que a está levando a desfacerse de factorías en diversas partes do mundo, tamén nos Estados Unidos, onde veñen de despedir 700 empregados na súa factoría de Ferndale, no Estado de Washington. Os movementos de Alcoa para minguar o impacto dos seus custos de produción ten provocado un desprazamento da súa actividade fóra dos países centrais e a apertura de grandes complexos como o de Arabia Saudita.

A posta en funcionamento da factoría de Alcoa en Arabia Saudita en 2012 foi o principio da fin para os seus centros de produción peninsulares. Precisamente como xa denunciou no seu momento o persoal traballador da fábrica da Coruña, a multinacional estadounidense introduciu grandes cantidades de aluminio da factoría de Oriente Medio polo porto de Vigo nos últimos anos.  

(Podes ler o artigo íntegro de 'Alcoa dispárase'  no suplemento Producir, no teu Nós Diario de hoxe (e de todos os sábados), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, reflexionamos sobre a situación da 'Galiza na era dos narcosubmanrinos' da man de Joám José Romero Durán; Bernardo Valdês Paços e o economista e profesor da USC Adrián Dios deixan as súas opinións nas seccións 'Forza motriz' e 'Pé a terra', e Xoán Allegue López, presidente de adegas Martín Codax, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

comentarios