sábado 11.07.2020

Sermos Galiza: as mellores series galegas, Antón Patiño e a faceta de Camilo José Cela como delator

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo co artista Antón Patiño; un percorrido pola historia do noso audiovisual e luz pública sobre unha faceta pouco coñecida do Premio Nobel de Iria Flavia.

Capa do Sermos 399 (Foto: Nós Diario)
Capa do Sermos 399 (Foto: Nós Diario)

Este sábado canda Nós Diario sae do prelo o número 399 de de Sermos Galiza, cun total de 32 páxinas que convidan á lectura pausada e a adentrármonos en temas que precisan ser tratados de vagar.

Abre o semanario Irene Pin cunha reportaxe na que, co gallo da incorporación de audiovisual galego ás plataformas HBO e Netflix, repasa as dez series en galego máis importantes, que foron "o punto de inflexión e o principal motor da nosa industria", segundo o produtor Alfonso Branco. Pratos Combinados, a inesquecíbel Mareas Vivas, As leis de Celavella, Matalobos ou Serra Moura son só unha escolma das series que se repasan.

Antón Patiño (Monforte de Lemos, 1957) protagoniza a entrevista desta semana, que vén da man de Manuel Xestoso. Non é só un dos artistas máis brillantes e recoñecidos da arte galega actual, senón tamén un dos que con máis insistencia reflexiona sobre o feito artístico e sobre o papel da imaxe na identidade dun pobo. Logo dun adiamento obrigado pola irrupción da pandemia da COVID-19, vén de inaugurarse no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Compostela a súa exposición Caosmos, na que, case ao modo dunha antolóxica persoal, confronta obras de mocidade e de madurez para propor un diagnóstico sobre a sociedade do risco e a modernidade do caos na que estamos inmersos.

Héctor Pena tivo acceso a unha carta asinada por Camilo José Cela na que o escritor se ofrece, en 1938, a informar e denunciar os rojos cos que se atopara por Madrid. Porque Camilo José Cela foi Premio Nobel de Literatura. Camilo José Cela foi marqués de Iria Flavia. Pero Camilo José Cela tamén foi delator. Chivato e censor de compañeiros de profesión e de individuos cos que se cruzou na vida, o padronés destacou desde os inicios do réxime franquista como un voluntario máis que disposto a facer o que ordenase o Movemento.

O Colectivo Xea continúa a levarnos por diferentes espazos da Galiza. Nesta ocasión, pola costa de Xove, na Mariña. O litoral esténdese entre as rías do Lieiro e de Viveiro, das que tamén ocupa parte das bocas (na de Lieiro desde a praia de Paraños á punta de Morás e na de Viveiro desde a punta de Portonovo á punta Mansa), en total uns 25 quilómetros de cantís, os da parte exterior por enriba dos 50 metros de altura en moitos puntos, moi recortados, dos que sobresaen as puntas de Morás, Merixe, Roncadoira e Mansa, a illa de Ansarón e a saída ao mar do rego de Esparaños, en Portocelo. Entre os cantís fórmanse seos que acollen coídos e areais.

Mais non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, deseño e arquitectura –máis os pasatemos de Xoán Costa- achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Xulio Carballo, Olga Brañas, Mario Vilariño, Andrés Castro, Pepe Barro e Lázaro Armental.

SGcapa

Sg3

Sg2

SG1

Sermos Galiza: as mellores series galegas, Antón Patiño e a faceta de Camilo José Cela...
comentarios