luns 26/10/20

Sermos Galiza: María Solinha, un filme contra o dragón

As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo co director de cinema Ignacio Vilar, unha reportaxe sobre as historias en torno a animais que poboan Galiza e falamos sobre o nome fascista do estadio do CD Lugo.

capasgcortada

Volve Sermos Galiza este sábado á súa cita cos lectores e lectoras de Nós Diario. O semanario de 32 páxinas volve convidar á lectura pausada e a adentrármonos en temas que precisan ser tratados de vagar. 

O desexado desconfinamento descóbrenos paisaxes coñecidas que se presentan novas, cheas de luz no solleiro da liberdade recuperada. Nesas paisaxes, neses ecosistemas sostidos por forzas miúdas de valor universal aniñan, crían, voan e nadan estes animais obxecto de lenda, sabedoría e relato na intrahistoria da explicación ao inexplicábel en tempos pasados. Os animais salvaxes como corpo para os conflitos, amores, sucesos históricos e explicacións climáticas de todo aquilo por onde voltamos a pasar os ollos na saída do fogar. Sermos Galiza fala con tres expertas no natural –e no romance biolóxico da lenda– arredor da convivencia e historias cos animais que poboan a Galiza. En 'Fauna que fala. Historias da ollada humana sobre os animais'.

Entre os feitos insólitos que trouxo a pandemia, algúns non semellan tan malos: María Solinha, o último filme de Ignacio Vilar, chegará antes ao rural que ás cidades. Ante o adiamento da estrea en salas, prevista para maio, a equipa optou por levar a película de xira polos concellos da Galiza, comezando a sexta feira por Redondela e este sábado en Cangas. O filme nútrese da lenda traída ao presente, nos espellos dos xogos coa realidade que procuran un público activo e denuncian a presenza deses dragóns que mudan de forma, mais seguen a acosar a liberdade das "solinhas" de hoxe. Neste número falamos co director, Ignacio Vilar.

Baixo a máscara dun benfeitor do deporte local, Ángel Carro Crespo, un dos elementos máis relevantes do franquismo na fase inicial -e máis dura- da ditadura na cidade de Lugo, definido por un informe da Policía como "de extrema dereita" e "adherido con entusiasmo ao Movemento Nacional", continúa a dar nome ao estadio no que xoga os seus partidos o conxunto lucense transcorrida máis dunha década desde a aprobación da Lei de memoria. Un tema que tratamos en 'Ángel “Anxo” Carro'.

O Colectivo Xea convídanos a coñecer e percorrer a costa de Baiona, no sur do país. “ O seu litoral está formado pola enseada e o esteiro do Miñor, onde a costa é protexida, baixa e areosa, e o mar aberto, entre Monterreal e o cabo Silleiro, rochoso e exposto. Pódese percorrer doadamente pola estrada, que discorre apegada á beira do mar, a non ser na contorna da praia Ladeira e arredor de Monterreal”.

Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema, cociña achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, Inma Otero, Mauro Borrazás, Andrés Díaz, Andrés Castro, Mercedes Espiño, Vide Vide.

capasg

sg2

sg3

sg1

comentarios