xoves 06/08/20

A historia dunha 'Temporeira cultural' abre o caderno 'Coñecer' desta semana

Silvia Fiallega Lorenzo partilla a crónica dunha fixa descontinua no mundo da arte, nun suplemento que tamén ten espazo para lembrar Antón Alonso Ríos, o capitán Nemo ou o guerrilleiro Luís Trigo 'O Gardarríos', entre outros moitos contidos.

Teño no meu haber un longo historial de bolsas e contratos precarios que fixeron de min unha curtida temporeira do sector. A día de hoxe, acceder a el e manterse constitúe un auténtico exercicio de compromiso e resiliencia. As canles oficiais seguen proclamando o carácter diferencial da nosa cultura e as súas potencialidades mercantís e profesionais, mais nunca vin un plan sostible máis alá dunha lexislatura. 

Bastou un virus para que o tecido profesional enfermara con prognóstico grave. As patoloxías previas eran evidentes. Viña padecendo unha doenza crónica derivada dunha política cultural subalterna do turismo e, polo tanto, sometida á estacionalidade. Con profesionais dependentes dos ritmos e das partidas orzamentarias da Administración. Unha produción deseñada máis para o que vén que para o que está e que adoece de consumo interno.

Prácticas curtopracistas, dependentes de subvencións, que abaratan custos e acurtan tempos de traballo, o que impide a formulación de proxectos de continuidade que favorezan a aplicación de fórmulas proactivas, integradas na comunidade. Este tipo de actuacións afondan nas desigualdades do territorio e no abandono do rural, en especial no interior, xa que os investimentos se concentran arredor das grandes urbes e zonas costeiras, onde o desenvolvemento turístico está máis consolidado. O patrimonio destas áreas esmorece ao mesmo tempo que as súas xentes, ao non contar con recursos económicos nin humanos suficientes para xestionalo.  

Por facer unha analoxía, a política cultural en Galiza foise "eucaliptizando": plántase en terreo fértil, medra axiña, o produto é recoñecible e dá cartos deseguida. O problema do eucalipto é que a raíz queda na tona e cae co primeiro temporal, como así foi.

(Podes ler o artigo íntegro 'Temporeira cultural'  no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Fernando Patricio Couto escribe as súas 'Lecturas abisais'; Paula Vázquez Verao e Xosé Álvarez Castro deixan as súas opinións nas seccións 'Herdo' e 'Mil ollos', e Fernanda Cedrón Trigo, a neta do guerrilleiro Luís Trigo 'O Gardarríos', protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

comentarios