Nós Diario

grupo-nos
photo_camera grupo-nos

En todo proceso hai datas significativas. En Nós Diario, tamén. A primeira, o 24 de novembro de 2017. Nese día Sermos Galiza fai pública a intención de ofrecer máis contidos a través dun diario en papel durante cinco días á semana. A decisión susténtase en dúas ideias base: un diario en papel é necesario e é posíbel.

Son moitas as razóns que apontan para esa necesidade. Unha delas é que hoxe en día a transmisión da información se dá en formato multisoporte. Convén aproveitar o sistema máis adecuado para chegar ao público e a combinación papel máis formato web, coa posibilidade de incluír audio e vídeo, parece unha boa opción.

É posíbel. Concebimos este proxecto sob o marco da pluralidade e do diálogo entre Sermos Galiza S.A. e todas as asociacións e organizacións colectivas que confían nas capacidades dunha Galiza real, na certeza de que esta iniciativa ten que abranxer e ser participada por todas as persoas que conforman a nosa base leitora. É así como queremos construír este diario de intereses galegos, profesional e colaborativo para así ofrecer información e análise con rigor e perspectiva propia ao servizo, sempre, do pobo galego.


O 27 de xaneiro de 2018 é outra data clave. Presentamos en público as características básicas do proxecto e a forma de o facer sostíbel economicamente, facendo fincapé en que só depende de nós. O obxectivo é lograr 3.000 subscricións, cantidade mínima para garantir a saída do proxecto. Máis de 50 presentacións por toda a Galiza en apenas dous meses e un traballo máis demorado no segundo semestre de 2018 permitiron alcanzar ese obxectivo. O 19 de xaneiro pasado, perante o mapa de Fontán que se acha no Parlamento de Galiza, simbolizabamos o noso compromiso de sermos un medio con acento galego.

Chegamos así a este 4 de maio en que presentamos un avance de maqueta e unha cabeceira que trae ao presente os nosos mellores valores. Desde hoxe comeza a conta atrás para que no final deste ano poidamos ter nas mans un diario que servirá para facer normal o que agora é unha anomalía, para traer ao primeiro plano informativo todos os temas que agora non se ven reflectidos na prensa convencional, para botar unha ollada construtiva cara á realidade galega, para contribuír a conformar, como pobo, unha opinión obxectiva e contrastada sobre todo o que nos afecta.

Máis en Nós Diario
Comentarios