domingo 12.07.2020

As moedas do reino da Gallaecia

O número 1 do novo suplemento Coñecer achega un artigo asinado por Alexandre Peres Vigo que afonda nunha parte moi importante do noso patrimonio material e documental que continúa fóra da Galiza: as moedas.

Moeda sueva custodiada no Museo Británico (Foto: British Museum).
Moeda sueva custodiada no Museo Británico (Foto: British Museum).

Unha parte moi importante do noso patrimonio material e documental continúa fóra da Galiza como resultado dun cristianismo que non acababa de ser definido. Malia a súa escasa circulación, as moedas convertéronse neste período en auténticos símbolos de poder e estabilidade para os emerxentes reinos xermánicos. A Gallaecia dese momento non escapou a este escenario histórico, e a poboación galaica, nativa aínda que romanizada, non só experimentou a chegada de xentes de lingua, cultura e crenzas ben distintas (refuxiados britóns, suevos e outros pobos chegados do Imperio) senón tamén o xurdimento dunha monarquía galaico-sueva e dun novo Estado, o reino da Gallaecia, fundado por Hermerico no ano 411.

Tras pechar temporalmente as súas portas aos visitantes, foron numerosos os museos de todo o mundo que durante esta crise sanitaria decidiron organizar visitas virtuais e expor dixitalmente as súas coleccións. Deste xeito, o público puido acceder, entre outras, ás estancias máis icónicas do Museo Vaticano ou ás impresionantes coleccións do Louvre parisiense, non só para contemplar xoias emblemáticas da arte e arqueoloxía, senón tamén aqueles obxectos menos vistosos que habitualmente permanecen nos seus depósitos.

Nesta carreira de difusión patrimonial, sen dúbida, o British Museum puxo en marcha unha das apostas máis fascinantes en prol da divulgación cultural ao pór a disposición do público máis de millón e medio de imaxes que van desde a mesma pedra Rosetta até unha sinxela culler vitoriana. Todos aqueles interesados nas moedas medievais tamén están de sorte, pois o museo londiniense exhibe unha ampla colección numismática, tremendamente interesante para os amantes do que o mundo anglosaxón coñece como os Dark Ages, os Anos Escuros.

Podes ler o artigo íntegro no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja.

Neste número, ademais, Paula Verao achéganos á Ribeira Sacra, Daniel Río 'Caxigueiro' fálanos do libro-obxecto, Xosé Álvarez lévanos a aquel 1 de maio de 1936, e Francisco Martínez López, 'Quico', o último militante vivo da guerrilla galega protagoniza unha conversa.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións,.

comentarios