'O mañá na Galiza é renovábel', artigo central do caderno 'Aprender' desta semana

Esta cuarta feira sae do prelo o Nós Diario cun novo número do caderno 'Aprender', onde Manoel Santos -coordinador de Greenpeace na Galiza, reflexiona sobre "a primeira premisa que temos que ter clara ao abordarmos o futuro da enerxía na Galiza, que é a nosa colosal dependencia fósil". 

Galiza renovábel
photo_camera Podes ler o artigo completo no suplemento 'Aprender' do teu Nós Diario.

Desde o esgotamento das minas de carbón das Pontes e das Encrobas hai trece anos, carecemos de recursos de orixe fósil propios. Deste xeito, segundo o último balance enerxético do Inega, importamos 80% dos nosos recursos enerxéticos totais, máis que nada en forma de petróleo, carbón e gas natural. É certo que unha vez transformados temos excedentes en enerxía para o consumo, exportando 37% en forma de derivados petrolíferos ou electricidade, mais a súa xeración depende sobre todo de materiais foráneos. 

Xa que logo, quer o gran desafío da emerxencia climática quer a nosa dependencia enerxética, que fai ademais que externalicemos boa parte dos nosos impactos ambientais a países do sur global, xunto ao feito de que nos esteamos a achegar aos picos de extracción dos combustíbeis fósiles a nivel global, aconsellan unha mudanza radical no noso sistema enerxético. Avantar no abandono dos combustíbeis fósiles, nun maior e máis rápido desenvolvemento das renovábeis de produción propia e pular por un bo feixe de medidas correctoras na nosa organización social, que camiñen cara a unha maior eficiencia e menor consumo, deben ser as prioridades.

Segundo o IPCC temos só dez anos para evitarmos o limiar de 1,5ºC de quecemento global. Se a Galiza quere facer a súa parte, tería que reducir ben por riba de 55% as emisións de GEI en 2030, a respecto de 1990, e camiñar cara á descarbonización completa en 2040. Isto é imposíbel se non acadamos un sistema eléctrico 100% renovábel en 2030, ademais de impulsarmos unha mudanza radical do noso xeito de producir e consumir, actuando no só na xeración de electricidade, senón en todos os sectores, desde o transporte á agrogandaría, industria, residencial, turismo, forestal ou refugallos. Cómpre aquí sinalar, que se damos por bos os cativos obxectivos de redución de emisións da Estratexia Galega de Cambio Climático da Xunta, acadar o que nos di a comunidade científica internacional para 2030 sería ilusorio de vez. 

(Podes ler o artigo íntegro de 'O mañá na Galiza é renovábel'  no suplemento Aprender, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, reflexionamos sobre o mundo sen unha vacina para a COVID-19;  Leonor Parcero e o investigador José M. Martínez Costas deixan as súas opinións nas seccións 'Eureka' e 'Reconexión', e Óscar Chao Penabad, Biólogo e coordinador do Proxecto Rebinxe, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios