'Síntomas intestinais' e coronavirus, artigo central do caderno 'Aprender' desta semana

Esta terza feira sae do prelo o Nós Diario cun novo número do caderno 'Aprender', onde Sonia Villapol -profesora de Neurociencias no Instituto de Investigación Methodist de Houston, Texas- reflexiona sobre a hipotética protección que poden ofrecer as bacterias intestinais ante a severidade da COVID-19. 
A entrada do virus causa alteracións na flora intestinal aumentando 
os compoñentes inflamatorios que poden agravar a chamada tormenta 
de citoquinas
photo_camera A entrada do virus causa alteracións na flora intestinal aumentando os compoñentes inflamatorios que poden agravar a chamada tormenta de citoquinas (Foto: Nós Diario).

Tivo que chegar unha pandemia en 2020 para cambiar o mundo, e abofé que o fixo. A infección polo SARS-CoV-2 está a ter unhas consecuencias devastadoras na saúde dos infectados. A solución idónea sería administrar globalmente unha vacina segura e efectiva á poboación, pero aínda non a temos. Por sorte as candidatas a vacinas estanse a investigar a ritmo acelerado, probándose varias delas xa nas fases clínicas. Tamén se puxeron enriba da lista algúns tratamentos antivirais cos mellores resultados para axudar na recuperación dos pacientes hospitalizados. Quizais, os resultados máis esperanzadores son os das transfusións de plasma dos doantes recuperados da COVID-19 aos enfermos máis críticos. A estratexia inmediata para frear a expansión do virus é facer unha "vacinación social", consistente en doses de empatía e respecto, minimizando o contacto social e o uso obrigado das máscaras. 

O grande perigo do coronavirus está na súa implacable transmisibilidade, sobre  todo por parte das persoas que non presentan síntomas respiratorios nin febre,  e que, polo tanto, descoñecen se están infectadas. O transcurso da COVID-19 ten varias fases. Determinouse que 60% dos afectados presentaron problemas intestinais, coma diarrea, vómitos ou dor abdominal na fase temperá da enfermidade, días antes de detectarse síntomas respiratorios como tose ou disnea, mesmo até chegar a desenvolver pneumonía na fase máis avanzada. Cando a xente padece problemas intestinais non os asocia coa enfermidade, e isto é un factor de risco na transmisibilidade. Na primeira fase, o virus empeza a replicarse e infectar as células do organismo, provocando disfunción intestinal, cambios na flora bacteriana, e inflamación sistémica aguda. A medida que avanza a enfermidade, o virus non precisa replicarse e estoupa a corrente inflamatoria máis potente, acompañada de problemas respiratorios e febre.  A xente que presentou síntomas intestinais nas fases iniciais foi a que amosou maiores complicacións no desenvolvemento da enfermidade. As razóns polas que o virus causa máis patoloxías nalgunhas persoas que noutras, segue a ser unha incógnita. Aínda así, hai xente infectada que consegue eliminar o virus sen desenvolver ningún tipo de síntomas, o que suxire que o reforzamento do sistema inmune pode darnos a chave para entender e vencer a infección viral. Identificar a sintomatoloxía asociada á COVID-19 canto antes, sen agardar a que xurdan os problemas respiratorios, axudaríamos enormemente a detectar e frear a propagación.

Alteracións na flora intestinal

A chave principal na invasión do SARS-CoV-2 son os receptores para a encima convertedora da anxiotensina 2 (ACE2) nos pulmóns, pero que tamén se atopan nos intestinos. A entrada do virus causa alteracións na flora intestinal aumentando os compoñentes inflamatorios que poden agravar a chamada tormenta de citoquinas sistémica ou hiperinflamación causada pola COVID-19 nos doentes máis graves. A maioría das comorbilidades da COVID-19, como a obesidade, a hipertensión, as enfermidades cardiovasculares, a diabetes ou a idade avanzada, están asociadas a unha diminución da diversidade microbiana. A menor diversidade, esperamos unha maior resposta inflamatoria e un peor prognóstico da COVID-19. Se sabemos identificar que bacterias deliñan o transcurso da enfermidade, poderíamos predicir a gravidade e o prognóstico da COVID-19, e aplicar algún tratamento. No meu laboratorio estamos a realizar un estudo de identificación das bacterias intestinais que correlacionan cos marcadores inflamatorios, xunto coa carga viral. Se podemos establecer uns patróns que asocien determinadas bacterias no transcurso da enfermidade cunha sinxela análise, poderíamos interferir e modificar a composición destas bacterias para protexernos da severidade da COVID-19.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Síntomas intestinais'  no suplemento Aprender, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, reflexionamos sobre astronomía da man de Martin Pawley;  Isabel Rebollido e o investigador predoutoral Adrián Cordido deixan as súas opinións nas seccións 'Eureka' e 'Reconexión', e Maruxa Cabeza, profesora e investigadora da Universidade de Vigo, protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios