'Galiza nas vidreiras de Mechelen' protagoniza as páxinas centrais do caderno 'Coñecer'

A viaxe de Héitor Picallo tras o escudo galego por Flandres vai acompañada -entre outros moitos contidos- pola reflexión de Mercedes Rozas sobre 'O Crime perfecto' no suplemento sobre patrimonio cultural e natural, historia, arte, museos e arquivos de 'Nós Diario'

O caderno 'Coñecer' trata de historia, cultura, patrimonio...
photo_camera O caderno 'Coñecer' trata de historia, cultura, patrimonio...

Dende Bruxelas collemos o tren para irmos un chisco máis ao norte. Mechelen, unha desas cidades marabillosas que existen na nación de Flandres (Bélxica), non é moi grande e conta cunha manchea de edificios emblemáticos que cómpre coñecer e, se presta, colorear en acuarela. Aínda que a verdade non hai tempo para todo. Disque Carlos I de Valois-Borgoña (1433-1477), alias ‘O Temerario’, alén de trasladar a Corte até esa cidade, foi quen de fundar aí varias institucións administrativas, económicas e xudiciais, entre elas o Parlamento (cuxo equivalente actual sería o Tribunal Supremo). 

Intentamos perdernos polas rúas, se ben o epicentro está en GroteMarkt (ou a Praza do Mercado), un recuncho máxico dende o que se albisca entre as casas de arquitectura tradicional a impoñente catedral de San Rumoldo (St-Romboutskathedraal). Nos albores do século XIII púñanse as primeiras pedras desta basílica, aínda que a torre é posterior (1452-1520). Non lonxe, o Palacio Hof van Busleydenserve de sede para os museos municipal (Standsmuseum) e do Carillón (Beiaard-museum), en cuxas instalacións se custodian pezas de moito valor e interese, incluso para a Galiza. Nelas atopamos o famoso tríptico do artista Arthur Jan van der Wyck que leva por título O trono de Carlos V rodeado das súas posesións territoriais. Resulta atractivo para nós dende o punto de vista identitario, pois entre todos os escudos cos que foi representando o referido monarca aparece o propio do reino de Galiza. Nesta obra, datada entre 1516 e 1517, o símbolo galego é unicamente un copón de ouro sobre campo de azul. E aínda que o tríptico resulte enormemente atraente, desta volta imos facer parada obrigada na catedral dese santo de orixe irlandesa.

San Rumoldo ten unha espiña espetada no pé: unha torre de preto de noventa metros de altura da que xa se marabillaron Ramón de Mesoneros Romanos (1840-1841) e José María Samper (1859-1860). Alén das fermosas sepulturas e do cadro do Cristo na cruz (Christusaanhetkruis) obra de Antoon van Dyck (1630), outrora foron interesantes as vidreiras que deron luz, cor e publicidade política ao interior da basílica. Porque ben certo é que en moitas destas estruturas ornamentais non unicamente se plasman motivos doutrinais ou, por extensión, relixiosos, senón tamén iconografías vinculábeis ás familias nobres, mecenas de tales templos, ou da propia casa real. Este foi o caso das da catedral de Mechelen, nas que se advirte a xenealoxía do rei Carlos V, quen logo da morte do seu pai en 1506, é nomeado –coincidindo coa celebración dos Estados Xerais de Malinas– soberano dos Países Baixos (19 de xullo de 1507): “Le roiestmort, vive monseigneur”. No nobre, titular de Borgoña, recaen tamén os ducados de Brabante, Limburgo, Lothier, Luxemburgo e un bo número de condados e marquesados.

(Podes ler o artigo íntegro 'Galiza nas vidreiras de Mechelen'  no suplemento Coñecer, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Mercedes Rozas escribe sobre 'O Crime perfecto' ; Montse Fajardo e Xosé L. Pastoriza Rojas deixan as súas opinións nas seccións 'Herdo' e 'Mil ollos', e Calros Solla Varela, membro de 'Capitán Gosende', protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios