As estratexias para 'Custodiar o territorio', artigo central do caderno 'Aprender' desta semana

Esta terza feira sae do prelo o Nós Diario cun novo número do caderno 'Aprender', onde Ramsés Pérez -responsábel de Educación Ambiental de Adega- reflexiona sobre as novas estratexia de conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico
Reflexionamos sobre estratexias de conservación do territorio.
photo_camera Reflexionamos sobre estratexias de conservación do territorio.

Galiza segue a ser a última comunidade do Estado español en superficie protexida. Boa parte dos espazos naturais xestionados pola Xunta da Galiza carecen das ferramentas legais axeitadas para levar adiante a conservación dos seus valores, como Planos de ordenamento dos recursos naturais (PORN) ou un Plano reitor de uso e xestión (PRUX), entre outros. Así mesmo, cóntanse cos dedos dunha man as especies ameazadas que contan cun Plan de conservación. 

Ante esta situación, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) avogamos por continuar demandando unha ampliación dos Espazos Naturais Protexidos (ENP) e que se cumpra a lexislación para que a súa proteción sexa efectiva, non papel mollado. Porén, tamén apostamos polo deseño e a execución de iniciativas de conservación e participación baixo o concepto de custodia do territorio. 

Neste artigo presentamos en que consiste este movemento crecente de conservación que, de maneira participativa e desde a sociedade civil, ofrece novas posibilidades de xestión do medio con grandes potencialidades.

Custodia do territorio

Que é, entón, a custodia do territorio (CdT)? É unha nova e fecunda estratexia de conservación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico. A súa principal característica é a implicación da sociedade civil na xestión responsábel do territorio, que é desenvolta conxuntamente polas persoas propietarias de terras e entidades de custodia (asociacións, concellos etc.) mediante diferentes tipos de acordos. É unha figura complementaria á actual xestión pública da conservación, e nos últimos anos iniciáronse no noso país numerosas experiencias empregando este instrumento. 

Adega é unha das entidades galegas que contribúe a divulgar e promover esta estratexia de conservación. No ano 2008 comezou a asinar acordos de custodia do territorio: foi a primeira entidade da Galiza en firmar un acordo de custodia fluvial (coa Confederación Hidrográfica del Miño-Sil) e a terceira no Estado español.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Custodiar o territorio'  no suplemento Aprender, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Máis en Nós Diario
Comentarios