Un diario para todas e todos nós

Nós Diario diríxese a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional. Procura unha audiencia activa, que non asume o seu status subordinado.
nos2
photo_camera nos2

Nós Diario diríxese a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional. Procura unha audiencia activa, que non asume o seu status subordinado.


O diario, co foco nos intereses galegos e tamén no mundo, ollándoo desde nós, quere situarse na vangarda, con temáticas que carecen de espazo na axenda mediática e que afectan e preocupan ás galegas e galegos. Cultura, traballo, ecoloxía, feminismos, lingua, historia, diáspora, economía, memoria, dereitos e liberdades civís, mobilidade… son algúns dos fíos que tecerán os textos do diario. A selección, enfoque e edición de cada un dos asuntos determinará a diferenza da axenda propia coa do resto dos medios.
A mirada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social ficará estruturada en catro grandes módulos de información (Galiza, Economía e traballo; Internacional e Cultura e axenda) co fin de evitarmos as fórmulas fechadas coas que presentan a información os medios tradicionais, e contaremos con tres seccións de ruptura (Opinión, En foco e Última, que cada día recollerá o editorial).


O xornalismo do futuro pasa por ser multisoporte, de aí que reforcemos a aposta no diario dixital, que se actualizará os 365 días do ano e que potenciará as pezas audiovisuais, unha tendencia consolidada na rede. A reflexión e a información en profundidade virá da man de Sermos Galiza. O actual semanario vira en suplemento de fin de semana. Con acento galego, diario en papel, diario dixital e suplemento contribuirán a crear cidadanía crítica, con capacidade de pensamento e reflexión.

Máis en Nós Diario