luns 26/07/21
Música: 'Levaino'

Unha viaxe desde Galiza ao Mediterráneo oriental

Olga Brañas dá conta do novo traballo de Xurxo Fernandes, titulado 'Levaime!'.
A banda que acompaña Xurxo Fernandes no álbum: Rubén Montes, Rafa Morales, 
Pedro Lamas e Roberto Comesaña.
A banda que acompaña Xurxo Fernandes no álbum: Rubén Montes, Rafa Morales, Pedro Lamas e Roberto Comesaña.

O primeiro traballo de Xurxo Fernandes sorprende tendo como referencia as músicas sefardís. Isto conéctase cun interesante proxecto anterior no que utilizaba o pseudónimo Jako el Muzikante.

Pero non son galegos emulando esas músicas tal cal (algo que tamén sería estupendo), senón que mesturan as raíces galegas coas desas outras latitudes. Unha mestura ben curiosa.

Para este traballo, Xurxo acompañouse da xente tan válida que temos no país: Pedro Lamas na gaita, saxo, dulzaina, dirección musical e arranxos xunto co propio Xurxo; Rubén Montes nas percusións, Roberto Comesaña no teclado e colaboración especial na percusión de Antonio Sánchez Barranco.

Nos coros participaron unha chea de persoas: Pandereteiras sen Fronteiros, Pan.sen.fron (Ainda Ulloa, Alberto Bravo, Ana do Francés, Antía Vázquez, Atocha Ramos, Bárbara Ferreiro Barreiro, Candela Alvarellos, Eduardo Bolaños, Guillermo Reiriz, Halimah Shalabi, Inma Castro, Manuel Fonte, María Castro, Verónica Campos, Nacho Couselo, Patricia Fidalgo, Tania Caamaño, Otilia Area, Vanesa López Castro e Xosé Lado Formoso). Ademais, a gravación, as mesturas e a masterización correron da man de Rubén Montes en Estudios Disquesi.

Como dicía, a mestura de sons é moi curiosa. Se ben ao darlle ao play quedei un tanto sorprendida e sen saber moi ben como reaccionar, acostumada a escoitar a Xurxo en rexistros máis tradicionais ou no de Radio Cos, axiña esa sorpresa se tornou en goce. E iso é algo moi positivo: sempre pensei que o peor que pode provocar un disco é indiferenza. Desde logo, non é o caso de Levaino!.

O disco ten puntos interesantes, como "O piollo malvado". Coa letra diante, que comeza con Vouvos contar unha historia terrible acontecida na parroquia de Bembibre, imaxinei que sería algo tipo cantar de cego, e de súpeto, vexo leva unha melodía tesalónica. Case nada!

Polo medio, no track 8, aparece o "Maneo da Coxa", cun principio máis purista (voces e pandeiretas) se non fose polas harmonías que fan as voces. Pero este tema tamén evoluciona e rapidamente se pon na actualidade. Unha das cousas que máis me gustaron foi a aparición da dulzaina... E máis se o intérprete é Pedro Lamas, que todo o que toca convérteo en ouro.

Se se me permite dicir algo que me parece mellorábel, non me chega a convencer o deseño. O lucerío e os brillantiños podo entendelos e seguramente teñan un sentido conceptual, ademais de que ten certa orixinalidade, mais na miña opinión penso que as tipografías escollidas non foron as máis acertadas.

A bailar, a bailar e a bailar. Logo sóubose que lle dera un aire de morto, dunha súa tía que fora moi cantadora e morrera de véspera no estranxeiro. Disque os aires non son sempre de quitar, algúns é mellor deixalos.

comentarios