Intensidades moduladas, exploración sonora

Capa de Interferencias (Foto: Nós Diario).
photo_camera Capa de Interferencias (Foto: Nós Diario).

Apenas un anos despois de presentarse cun máis que atractivo EP, Alborada, Garza, o proxecto de música electrónica de Adrián Charlín, regresa, agora cun longa duración que mellora o seu primeiro traballo. Non é que a música cambie de terzo, pero existe aquí un coidado polo detalle que logra que o que eran intuicións no primeiro disco atopen neste Interferencias unha realización máis exuberante, máis plena. Un disco de consolidación que demostra a súa solvencia. 

O estilo de Garza é mesturar estilos: unha confluencia na que caben a electrónica experimental, o trip hop, o ambient, o noise, a new age, e calquera outra tendencia que teña a electrónica como columna vertebral. 

Porén, o resultado non é disperso ou heteroxéneo: xógase fundamentalmente coas intensidades que lle proporcionan ás atmosferas creadas o ton e o ritmo necesarios para que as pulsacións da persoa ouvinte atope o seu camiño na escoita de cada unha das pezas. A dimensión sensorial expándese
en cada nova reprodución.

E non hai que esquecer que Charlín é percusionista, o que lle subministra a toda a obra un plus de enerxía que, mesmo cando se contén para dar paso á reflexión ou á distensión, desenvolve un papel fundamental na distribución de enerxías. 

Hai pezas cuxa fraxilidade invita á melancolía ("Maré", "Interferencias") e outras que atacan con contundencia ("Tránsitos", "Celas") nunha declaración de principios que tende ao inconformismo: o que importa é o que se expresa, sen que os medios constitúan un corsé. 

Igual que en Alborada, nótase en Interferencias unha simbiose entre a música de club e o experimentalismo procedente do rock industrial, que permite que pescudas sonoras de certa envergadura atopen o seu vehículo en ritmos máis accesíbeis para o gran público: unha simbiose que permite alternar entre o cordial e o exixente.

A música electrónica medra e evoluciona constantemente transformándose nun instrumento de innumerábeis rexistros que posibilita o achado dunha voz propia a quen, como neste caso, aproveita a súa versatilidade para atopar unha personalidade propia e recoñecíbel.

Hai que destacar o papel das colaboracións de Rosalía Fernández Rial (acordeón en "Maré"), Irene Ríos (voz en "Crisálida") e, de novo, da guitarra estridente de Manuel Seixas en "Terra nua", que aportan un plus de variedade nun álbum xa de seu rico en modulacións.

Máis en Música
Comentarios