Un disco ambicioso no que crer

Capa de Something to Believe In (Foto: Nós Diario).
photo_camera Capa de Something to Believe In (Foto: Nós Diario).

O contrabaixista e compositor do Porto Nuno Campos comezou a súa carreira paseando pola liña que separa o jazz da música académica e o seu devir como autor continúa nunha dirección que busca transcender etiquetas e superar fronteiras. Something to Believe In, o seu terceiro disco en calidade de líder, reafirma esa inquietude investigadora, esa vontade de explorar novos camiños. 

Campos repite co cuarteto do seu disco anterior, TaCatarinaTen, acompañándose do saxofonista José Pedro Coelho, o pianista Miguel Meirinhos e o batería Ricardo Coelho e parte, segundo declara, da experiencia dunha viaxe ao Cairo que fixo a banda para un concerto, á que se suma a atracción pola mitoloxía do antigo Exipto. As historias dos deuses exipcios -Ra, Osiris, Isis, Anubis...- van aglutinándose en ideas musicais que alternan o atonal e o melódico, como se as vidas terrea e sobrenatural buscasen un punto de encontro. 

As composicións son austeras e elegantes mais, ao tempo, explotan con morosidade os contrastes entre a sección rítmica e o saxo, as pasaxes escritas coa improvisación individual e colectiva. 

"The Beginning", a peza que abre o disco, mostra esa vocación de suite, con toda a formación a sondar as diferentes direccións en que pode evoluír a música. "Ra" introduce unha maior enerxía rítmica e unha interacción dos instrumentistas máis intensa, cunha secuencia que outorga protagonismo a cada un dos músicos. "Anubis" é o título que introduce o misterio, pola vía dunha homenaxe camerística a Bela Bartok que destaca pola sutileza da súa arquitectura. "Shu" achega axilidade jazzística, cun certo aire bop que emerxe da sobriedade que domina a totalidade das composicións. 

Despois do interludio case clásico de "Para Cátia", "Nha Toi" retoma o carácter polifónico da música e o aire máis jazzístico na acepción máis ortodoxa da palabra. A batería serve os argumentos de fondo para un brillante diálogo entre o saxo e o piano. A seguir, a historia de amor entre "Osiris and Isis" ofrece a oportunidade de alternar a pausa e o nervio sincopado, combinando o conxunto instrumental coas expansións do piano e o saxo despuntando sobre unha contundente pauta rítmica. 

Fecha o disco "Seth" -deus do tumultuoso e señor do caos-, a peza máis abstracta e contemporánea, que parte dunha improvisación colectiva para, despois dun breve intermezzo do contrabaixo, atopar liñas máis claras que se dirixen cara a un reencontro das partes. Case o reflexo dun álbum que, a partir de diferentes premisas musicais, logra atopar unha coherencia luminosa, sobria e directa que se corresponde coa súa ambición. 

Máis en Música
Comentarios