Discos: 'Cas Berlai'

Da pandemia non saímos mellores, pero saíron discos guais

. Como o mesmo Xiao di, Cas Berlai é un canto á rutina, á beleza do cotián. Mais non vos deixedes enganar: as letras teñen moi pouco de lixeiras e, como sempre, convídanos a meternos de cheo e furgar ben nelas.
Detalle da portada de 'Cas Berlai'
photo_camera Detalle da portada de 'Cas Berlai'

Hai anos fixen a crítica do primeiro traballo de Berlai, Desconhecido, e saíra moi ben parado. Xiao Berlai é antigo integrante de Fía na Roca e Vai Trío. Un músico con tanta rúa que se permite arriscar, sen vergoña ningunha, como debe ser. 

Desconhecido era un disco que mesturaba pop con referencias á nosa tradición (entre outras cousas, pois o eclecticismo é un dos seus piares), con letras case pornográficas e sen medo ao "que dirán".

Cas Berlai é o segundo traballo deste artista tan versátil. Explotando a súa faceta máis indie, cociñou este traballo durante o confinamento. As pezas falan das diferentes partes da súa cas (que na zona da Costa da Morte seica se di así 'casa'... non é fermoso?). 

Ollade os títulos das pezas: "Na casa", "Na cama", "No corredor", "No espelho", "Lista da compra (da viúva)", "No water", "Na sala" e "Na cas de tróski". Como o mesmo Xiao di, Cas Berlai é un canto á rutina, á beleza do cotián. Mais non vos deixedes enganar: as letras teñen moi pouco de lixeiras e, como sempre, convídanos a meternos de cheo e furgar ben nelas. Ademais o tema "No espelho" está dedicado ao pai de Xiao, xa falecido. Na formación de Berlai atopamos o propio Xiao (guitarra, voz e kazoo), Bruno Couceiro (batería), Iago Mourinho (piano) e Pablo P. Sanmamed (contrabaixo). Foi mesturado nos estudios Disquesí por Rubén Montes e non nos especifica onde foi gravado, pero imaxinando que ningún dos músicos saltou a lei durante o confinamento, coido que cada un o faría na súa cas

O deseño e a fotografía vén das mans de Ernesto G. Torterolo e Nachok. Nel hai un xogo de imaxes dunha casa, de elementos da súa construción como cemento ou ladrillos e de fichas de lego. Habería que preguntar o porqué do lego, pero tratándose de Xiao seguro que ten o seu sentido. 

Musicalmente eu diría que este disco ten un pouco máis de jazz que o anterior, e ten partes moi duras, ricas e complexas combinadas con algúns retrousos que poderiamos cantar en calquera pub, como o da peza "Na sala". O máis importante é que Xiao segue sen cantar de todo ben, pero sendo como é un dos mellores músicos do país e facendo música independente, non precisa nin meterlle o autotune. Ademais, así e todo, faríalle ben menos falla que a Maluma [risos].

Parabéns non só a Xiao, senón tamén ao resto de musicazos dos que se rodea, por facer un disco tan interesante. Berlai nunca defrauda! 
Já acabei, e ainda estou sendado e já acabei... de acabar. Já levo três voltas à etiqueta do champu. E fazer da casa a minha fortaleza, sentir que às vezes limpa o mundo / umha cisterna. E na ducha não há cabelos, viajaram cos meus restos. 

Máis en Música
Comentarios