Fervenza de reaccións perante a saída por sorpresa de Aguirre

As reaccións á decisión anunciada por Esperanza Aguirre non deixan de se suceder. Malia todo, son dispares e nalgúns casos, contidas.

Entrementres diversas forzas políticas vencellan a dimisión de Aguirre coas discrepancias internas do PP e a unha posíbel crise interna, outras “respectan” a decisión da 'lideresa' e aducen a renuncia a cuestións de saúde.

O PSOE expresou o seu “respecto” perante a dimisión de Esperanza Aguirre e asegurou que non faría máis comentarios sobre o tema. En troca, desde UpyD din estar sorprendid@s pola renuncia de Aguirre e consideran que non se convocarán eleccións adiantadas “tal e como está o patio”. En IU as reaccións son duplas e contraditorias, entrementres o voceiro de IU na Asemblea de Madrid asegurou que lle desexa “o mellor no seu futuro familiar e persoal”, destacando asemade, o “aprecio persoal” que lle unía a ela. Porén, o coordinador rexional de IU na capital española aseguraba que a decisión de Esperana Aguirre se debía á “presión social” e exixiu a convocatoria de eleccións anticipadas.

As políticas defendidas por Esperanza Aguirre ao longo da súa vida política, profundamente ultraliberais, foron recoñecidas polo presidente da patronal madrileña, a CEIM –con que Aguirre mantivo sempre unha estreita relación-- quen se amosou agradecido pola ·admirábel e total entrega” da xa ex-presidenta, así mesmo loou o seu compromiso coa actividade económica e a “xeración de emprego” --malia posuír unha das taxas de desemprego máis elevadas do estado--.

Pola banda do Partido Popular, poucas foron as declaracións feitas após anunciarse a retirada de Aguirre da primeira liña política, ademais do comunicado "plano" feito público polo presidente do goberno español, tan só o voceiro do grupo popular na Asemblea de Madrid, amosou o seu “respecto” á decisión adoptada pola ex-presidenta da Comunidade.

Na Galiza, as forzas políticas inmersas na precampaña amosáronse respectuosas co seu estado de saúde, de se confirmar que foi o cancro unha das principais motivacións que levaron a Aguirre a se retirar da primeira liña política --como ela mesma expresou na conferencia de prensa. Porén, a responsábel de comunicación do BNG, Carme Adán, non descartou a posibilidade de que fosen as discrepancias da 'lideresa' coa dirección do partido --nomeadamente co presidente do goberno español-- as que motivasen a dimisión.

Así mesmo, Adán lembrou que Esperanza Aguirre “é unha muller claramente (re)centralizadora e contraria aos intereses de Galiza”, pois en máis dunha ocasión amosou publicamente a súa oposición ao actual modelo autonómico ou á diversidade lingüística. Aliás, a nacionalista salientou a “política neoliberal e privatizadora” practicada por Aguirre na comunidade de Madrid, totalmente contraria ás propostas defendidas desde o BNG. Asemade, puxo de relevo a situación económica madrileña “enormemente endebedada” e con boa parte dos servizos públicos desmantelados, como no caso do ensino.

Máis en Mundo
Comentarios