Un xeneral afín á monarquía toma o poder en Tailandia após o golpe

O Exército tailandés anuncia o golpe
photo_camera O Exército tailandés anuncia o golpe

Un día despois do golpe de estado militar en Tailandia, o líder do Exército, o xeneral Prayuth Chan-ocha, autoproclamouse primeiro ministro do país. O Consello Nacional para a Paz e a Orde, o nome da xunta militar que tomou o poder, deu os primeiros pasos para asegurarse o control de Tailandia.

Tres días antes, os militares decretaran a lei marcial no país para evitar as protestas e a censura dos medios de comunicación nacionais e internacionais. “Non é un golpe de estado”, aseguraba entón Prayuth Chan-ocha, que prometía manter o goberno interino formado tras a destitución forzosa por parte dos tribunais, dúas semanas antes, da primeira ministra Yingluck Shinawatra.

O Exército fíxose co control a día de hoxe dos principais resortes de Tailandia. Ademais, impuxo o toque de queda nas rúas do país e ameazou con expandir a censura ás redes sociais. “Suspenderemos o servizo se encontramos mensaxes que inciten á violencia, critiquen o Consello Nacional ou rompan a lei”, asegurou o novo goberno de facto.

A xunta militar ordeou tamén a detención de 155 activistas, políticos e personalidades tailandesas, que teñen prohibido abandonar o país. O xeneral Prayuth Chan-ocha convocou os representantes das dúas principais faccións políticas para negociar. Horas despois proclamábase primeiro ministro, certificando o golpe de estado, o décimo segundo da historia na nación asiática.

Prayuth Chan-ocha, un militar afín á monarquía

O novo líder de Tailandia  participou no anterior golpe en 2006, onde o Exército derrocou a Thaksin Shinawatra, irmán da recén deposta primeira ministra

O novo líder de Tailandia é un militar que fixo carreira á sombra da monarquía e as elites económicas. De feito, participou no anterior golpe en 2006, onde o Exército derrocou a Thaksin Shinawatra, irmán da recén deposta primeira ministra. O derrocamento deste multimillonario, cuxa familia é un dos clans máis poderosos do país e que tivo os seus principais apoios no campesiñado, considérase o comezo da inestabilidade.

A destitución de Thaksin provocou un amplo movemento de protesta, os camisas vermellas, que culminou en 2010 con manifestacións masivas na capital, Bangkok, que remataron con 90 persoas mortas a mans dos militares.

A forza da oposición levou ao poder a súa irmá Yingluck, que se encontrou co rexeitamento das elites tailandesas, contrarias ao poder da familia Shinawatra, denominados como camisas amarelas. Sería finalmente o Tribunal Constitucional, hai dúas semanas quen forzara a Yingluck a renunciar ao cargo por cometer abuso de poder. Días despois o Exército tomaba o control. 

Máis en Mundo
Comentarios