NUNHA MANIFESTACIóN PRO KURDOS

Xa son 128 as persoas mortas no atentado de Ankara

O Partido Democrático dos Pobos (HDP), un dos convocantes da manifestación pro pobo kurdo, vén de elevar a 128 a cifra de persoas mortas no duplo atentado que tivo lugar onte en Ankara.

Segundo informa na súa conta de Twitter o HDP, as persoas falecidas no atentado ascenderían a estas horas a 128, das que 120 xa foron identificadas. Pola súa banda, o Goberno turco segue mantendo a cifra de falecidas nas 95. No que respecta ás persoas feridas, fontes oficiais do Goberno informan de que continúan 160 ingresadas, das que 65 se atoparían en estado crítico.

O de onte foi o meirande atentado terrorista da historia de Turquía. Polo de agora non se reivindicou a autoría do ataque, aínda que se apunta ao servizo de intelixencia do país ou mesmo á organización terrorista Estado Islámico. A manifestación na que tiveron lugar os atentados fora convocada en protesta polo aumento de represión e violencia que sofre o pobo kurdo por parte do Estado turco.
 

Máis en Mundo
Comentarios