Veto no Congreso á comisión para investigar as contas de El-Rei

O BNG, artífice da proposta xunto con ERC e as forzas de Esquerda Plural, lamenta que, no canto de apostar pola transparencia ao redor desta institución, o PP se pronuncie a favor de ''continuar sacralizando a realeza''

"Continúan sacrilizando a realeza". É a valoración que mereceu para o voceiro do BNG no Congreso e candidato á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, o rexeitamento que recibiu esta terza feira a iniciativa a prol de constituír unha comisión de investigación sobre a Casa Real española, rexistrada por ERC, IU-ICV e BNG. Procuraban maior transparencia e control parlamentario á acción desta institución, así como á súa actividade económica.

En palabras da vicepresidenta primeira do Congreso, a conservadora Celia Villalobos, "a proposta vai en contra da Constitución", polo que o rexeitamento manifestouse de maneira unánime e sen abrir ao debate a achega feita por estas formacións políticas na Cámara Baixa.

Nunha conferencia  de imprensa ofrecida cando se presentou a iniciativa, a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila argumentou a necesidade desta Comisión de Investigación porque "40 anos despois de se abrir paso a monarquía parlamentar, é preciso que esta institución sexa sometida ao control do Parlamento e se lle apliquen criterios de transparencia á hora de dar conta da súa actividade", para alén de que, segundo subliñou, "estamos nun momento moi duro de crise económica, na que a cidadanía padece brutais recortes sociais, económicos e laborais".

Xa daquela aveciñaban ERC, BNG e os grupos de Esquerda Plural --Izquierda Unida, Iniciativa per Catalunya e Chunta Aragonesista-- cal ía ser o resultado da súa proposta a un Congreso onde o PP conta con maioría, mais advertiron de que non escatimarán esforzos en frear "a opacidade en torno á Casa Real, unha institución como a monarquía que non dá contas de nada, que pervive nunha total falla de transparencia tanto no económico como noutras actividades".

Así as cousas, no texto que o PP botou abaixo explicábase que "os últimos escándalos acontecidos co Xefe de Estado e a súa familia puxeron de relevo a falla de fiscalización económica e política desta institución, así como o dispendio que realiza con cartos públicos". Por todo isto, consideraron que a comisión de investigación era necesaria, como paso previo para que a Casa de El-Rei "renda contas" ante o Parlamento, pois o orzamento desta institución procede dos Orzamentos Xerais do Estado.

Máis en Mundo
Comentarios