Venezuela xulga o ''paquetazo neoliberal'' que a dereita presenta ás eleccións do 7 de outubro

Nun xuízo simbólico, o pobo bolivariano levou até o banco d@s acusad@s o programa electoral do candidato Henrique Capriles, que fala de máis impostos e menos orzamento para políticas sociais. As medidas lembran aqueloutras aprobadas en 1989 e que deron lugar ao 'Caracazo', unha maré de revoltas populares que se saldaron con centros de persoas mortas

No banco d@s acusad@s, o programa de goberno da oposición, tachado de ser "unha oferta enganosa, a máis neoliberal presentado en América Latina nos últimos 30 anos". Organizacións e movementos sociais de Venezuela xulgaron "o paquetazo neoliberal" presentado por Henrique Capriles, candidato da dereita que se enfronta a Hugo Chávez nas eleccións presidenciais do 7 de outubro.

Así as cousas, as medidas económicas achegadas por Capriles como baza electoral para chegar ao goberno bolivariano foron comparadas neste xuízo popular coas contempladas no 'Caracazo' de 1989, posto en marcha polo daquela presidente Carlos Andrés Pérez, e que falaba de recortes no orzamento destinado ás políticas sociais; do incremento dos impostos e do prezo da gasolina; liberalización dos prezos; suba das facturas de teléfono, auga, electricidade e gas; e de colocar o país baixo a lupa do Fondo monetario internacional.

Medidas que lembran as que azoutan estados como o grego, o portugués ou o español a día de hoxe, e que daquela en Venezuela trouxeron como consecuencia unha maré de revoltas populares que se saldaron con centos de mort@s. Oficialmente, o goberno de Pérez recoñeceu 279. O número exacto aínda se descoñece.

Segundo se deu conta na sala do xuízo, colocada no Teatro Teresa Carreño de Caracas, o programa da dereita supón "un atentado contra os dereitos do pobo venezolano". Os paralelismos máis rechamantes coas medidas que desembocaron no 'Caracazo' teñen que ver co modelo de produción petroleira, axustada ao pensamento neoliberal e con elevadas cotas de produción que xeren sobreoferta no mercado internacional --o que se traducirá na baixa do prezo por barril-- e na redución de financiamento destinado a programas sociais.

Máis en Mundo
Comentarios