Vantaxe para Hollande nas últimas sondaxes

As últimas sondaxes publicadas antes do encerramento da campaña para as eleccións presidenciais francesas outorgan unha vantaxe de catro puntos a François Hollande, do Partido Socialista (PS).
Hollande
photo_camera Hollande

Hollande obtería o domingo o 52 por cento dos sufraxios contra 48 de Nicolás Sarkozy, da Unión por un Movemento Popular (UMP). Hollande e Sarkozy realizaron esta sexta feira os últimos actos de campaña cun apelo aos seus seguidores a acudir masivamente ás urnas. No último discurso o presidente e candidato á reelección prometeu diante dunhas 2.500 persoas que se vai bater até o último minuto por manterse no cargo. "Vostedes non poden imaxinar todo o que se xoga este domingo", dramatizou Sarkozy e insistiu no argumento dos perigos para o país en caso dunha vitoria do campo socialista.

Jean-Luc Mélenchón, da Fronte de Esquerda, chamou a votar contra Sarkozy na segunda volta

Pola súa banda Hollande realizou este venres un maratón de reunións no departamento de Moselle para demandar aos seus seguidores non caer no exceso de confianza e pensar que as eleccións están gañadas de antemán. O aspirante ao Eliseo polo PS reiterou a intención de traballar pola unión nacional para dinamizar a vida económica e social de Francia. "Quero dicilo aos que votarán contra min este domingo que tamén serán benvidos na reunificación do país", expresou. Mentres, o excandidato presidencial da Fronte de Esquerda, Jean-Luc Mélenchón, tamén realizou un mitin na Praza de Stalingrado, desta capital, onde chamou os seus simpatizantes a votar contra Sarkozy na segunda volta. Para alcanzar os obxectivos de instalar a esquerda no poder, primeiro é necesario desprazar a dereita, dixo Mélenchon ante miles de persoas reunidas no emblemático lugar, que rebautizou como "A praza do pobo". Os colexios electorais pecharán o domingo ás 20:00 horas e publicarán os primeiros resultados.

Máis en Mundo
Comentarios