Dous anos de cadea para tres das Pussy Riot

A revolta e o punk son perigosos para as autoridades. Cando o grupo feminista Pussy Riot cantou na catedral ortodoxa de Cristo Redentor, en Moscova "Nai de Deus, líbranos de Putin", o pasado 21 de febreiro, activaron os mecanismos represores do goberno ruso. Hoxe coñeceuse a sentenza.

O grupo caracterizábase por actuaren con vestidos e medias de vivas cores, co rostro cuberto con 'balaclavas', e utilizando pseudónimos. Herdeiras do Riot Grrrl (movemento punk feminista nado hai décadas nos Estados Unidos), emprendían accións en que a música era un vehículo de protesta no espazo público. O proceso contra elas pola actuación que se pode ver no vídeo arrincou a finais de xullo, coa ausencia de dúas acusadas: a policía prendeu a María Aliójina, Yekaterina Samutsévich e Nadia Tolokónnikova, mais elas negáronse a daren o nome das súas compañeiras. A fiscalía pedía tres anos de cárcere acusándoas de instigaren odio contra o cristianismo ortodoxo, relixión maioritaria en Rusia, obviando o carácter político da súa performance. Mais o pobo ruso non considerou unha profanación este acto: o 65% da poboación, segundo sondaxes do Centro Levada, reclamaba a súa posta en liberdade (unha cuarta parte da poboación pedía penas de prisión). Asemade, espalláronse campañas de apoio en todo o mundo, e diversos persoeiros do mundo da música solidarizáronse co grupo.

Finalmente, a xuíza Marina Simova, coñecida pola súa inflexibilidade (só absolveu nunha ocasión en toda a súa traxectoria) condenounas finalmente a dous anos de prisión, malia a posición á contra de Andréi Kurayev, profesor da Academia Espiritual de Moscova, quen afirmou que o cárcere convertería ás mozas en mártires e fomentaría a aparición de imitadoras. Simova acusounas de "accións provocadoras e humillantes nun templo relixioso, que afectaron a un amplo círculo de crentes". Considera que ofenderon os sentimentos relixiosos e que lle faltaron ao respecto a visitantes e sacerdotes. O feito de que non demostren arrepentimento e de que lle dean á súa actuación o carácter que realmente ten, de expresión política de forma artística. A defensa da agrupación xa anunciou que recorrerá a sentenza.

Madonna, Björk, o ex Beatle Paul McCartney, Yoko Ono, Sting, Patty Smith, Red Hot Chili Peppers, Faith no More e moitos outros grupos e solistas amosaron o seu apoio a Pussy Riot, nas súas actuacións ou mediante comunicados. Asemade, unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change xuntaba máis de 110.000 antes de se ditar sentenza. Varias organizacións en defensa dos dereitos humanos, coma Amnistía Internacional, solidarizáronse co grupo punk, considerándoas presas de conciencia. O escritor Grigori Chjartishvili, que asina co pseudónimo de Borís Akunin, exhortara a acudir ao xulgado en solidariedade con elas. E de feito, centos de persoas estiveron aló para as apoiaren (entre elas Serguéi Udaltsov, líder da Fronte de Esquerda), mais tamén activistas ortodoxos, a prol de condenalas. A policía realizou novas detencións durante o xuízo.

Máis en Mundo
Comentarios