Toussaint: ''Falta un movemento europeo contra a ofensiva brutal neoliberal''

Analizamos a actual situación económica, cales son os seus responsábeis e as posíbeis solucións con Eric Toussaint, politólogo, presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, e membro do consello científico de Attac Francia

Doutor en Ciencias Políticas da Universidade de Liège (Bélxica) e da Universidade Paris VIII (Francia), presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, e membro do consello científico de Attac Francia, Eric Toussaint é unha das voces máis críticas coas respostas neoliberais dos gobernos europeos a esta crise.

É autor, entre outras obras, de La Crisis global (2010), Banco mundial: el golpe de estado permanente (2007) e La Bolsa o la Vida (2004) e de numerosos artigos en publicacións de todo o mundo. Con el analizamos, polo miúdo, a actual situación económica, cales son os seus responsábeis e as posíbeis solucións.

P: Que diferenza hai entre esta crise e a que padeceu América Latina anos atrás?

R: Hai semellanzas entre o que viviu América Latina entre os anos 80 e 90 e o que está ocurrindo agora en Europa. A partires da crise da débeda de 1982, que comezou en México en agosto dese ano, implementáronse políticas brutais contra os pobos, cunha serie de medidas que implicaron a redución do gasto público en educación e saúde, despidos ou non reemprazamentos de funcionarios, privatizacións masivas de empresas e servizos públicos, aumento dos impostos indirectos como o IVE, máis apertura comercial para “supostamente” atraer máis inversións estranxeiras, cambios no código laboral para facilitar despidos, para diminuír o salario mínimo legal, ... imaxino que vostedes escoitando isto xa poden facer a comparación co caso actual. Son exactamente as receitas implementadas no Estado español, en Grecia, en Italia, en toda Europa.

Cantos anos vai custarnos aos europeos que temos políticas sociais nefastas? En América Latina o cambio xurdiu cunha rebelión en varios países pero as mudanzas políticas comezaron de verdade en 1998 coa elección de Chaves en Venezuela. A América Latina custoulle entre quince e vinte anos escoller a gobernos que non son revolucionarios nin anticapitalistas mais rachan coa lóxica da austeridade neoliberal.

Volven a incrementar o gasto social e, en casos como Venezuela, Ecuador ou Bolivia, a recuperar o control sobre os recursos naturais expropiando ás transnacionais e redistribuíndo a renda petroleira, por exemplo. Serán capaces os europeos, a un ritmo máis acelerado, rexeitar as políticas neoliberais? É de angustia. En Grecia houbo once folgas xerais desde maio de 2010 e falta un movemento europeo por riba das fronteiras contra a ofensiva brutal neoliberal. Ademais o Euro está en crise. Hai sectores de opinión en varios países que pensan que é mellor saír desta moeda. É unha discusión aberta”.

P: A receita seria a mesma ca en América Latina, termos líderes políticos que muden esta situación?

R: Eu véxoo máis a nível de mobilizarnos nunha plataforma común entre os movementos sindicais, sociais, cidadáns, políticos da esquerda radical a nivel europeo e xerar unha situación onde crear unha alternativa política. Para min o problema non é elixir a un líder carismático senón ter un bloque social forte, capaz pola súa creatividade e a súa unidade de colocar no goberno representantes da cidadanía que sexan fieis aos intereses do pobo.

Lembro unha frase famosa do líder dos mineiros británicos cando aquela folga de doce meses contra a vontade de Thatcher de privatizar e logo pechar as minas. Arthur Scargill dicía “precisamos un goberno que sexa tan fiel aos intereses do pobo como Margaret Thatcher é aos intereses dos ricos e a burguesía británica”. Chegar a un goberno e manter unha posición que beneficie aos intereses do pobo. Non acomodándose e pactando coas grandes empresas.

P: A débeda é máis privada ca pública...

R: No Estado español só o 18% da débeda é pública, o 82% é privada. A grande maioría é unha débeda dos mesmos bancos e de empresas non financeiras, no sector da construción por exemplo. Esas empresas endebedáronse moitísimo porque os bancos alemáns e franceses, con moita liquidez, buscaron como colocar os seus excedentes de capital e pareceulles moi rendábel outorgar créditos a empresas privadas españolas coa idea de que, se había un problema, interviría o Banco Central Europeo. Os bancos alemáns e franceses contan con que os seus gobernos teñen unha maior influenza sobre o Banco Central e ao seren bancos demasiado grandes para caer, terían un rescate asegurado.

Daquela outorgáronse unha cantidade grande de créditos e houbo tamén endebedamento das familias porque os prezos da vivenda subían. Semellaba algo claro pola publicidade das entidades financeiras e as construtoras. En realidade era unha burbulla especulativa. Logo caeu o prezo da vivenda e as familias agora teñen que entregar as vivendas e seguir cunha débeda. Vostedes no Estado español teñen a peor lei de Europa en comparación: o banco pode quedarse coa vivenda e facerlle pagar a familia a diferenza de prezo entre o que pagou e o que vale a vivenda agora. A lei é totalmente favorábel aos bancos, ás axencias de crédito hipotecario e contra o interese da poboación.

A actitude do goberno de Zapatero antes e de Rajoy agora é transferir débeda privada dos bancos e do sector da construción, non das familias que por suposto non defenden estes gobernos, cara o Tesouro Público. De aí sobe a débeda pública e toman unha posición como goberno de dicir que a débeda pública é demasiado alta, hai que buscar equilibrio fiscal e hai que diminuír o gasto público en Sanidade e Educación. É unha política totalmente contraria a maioría da poboación.

P: Vostede fala do concepto de “débeda odiosa” e de que teñen que pagar os verdadeiros culpabeis desta situación. No caso do Estado español cales serian?

R: A Banca privada: Santander, BBVA, as empresas financeiras de crédito, as grandes empresas da construción. Terían que pagar unha parte da factura da anulación da débeda ilexítima os grandes bancos privados de países como Alemaña, Francia e Estados Unidos porque outorgaron crédito ao sector financeiro español.

P: A receita do goberno Rajoy son máis e máis recortes...

R: É totalmente inxusto e inaceptábel. Vai a prolongar e agudizar a crise. Nun período de crise económica capitalista a lección sacada por economistas como Keynes foi que é fundamental aumentar o gasto público e protexer o poder de compra das maiorías sociais. Isto xera demanda que permite vender mercancías e servizos para relanzar a actividade económica. Coa crise a inversión privada cae e se non hai inversión e gasto público e consumo da maioría non hai crecemento económico. A política do goberno do PP e antes do PSOE é política pro-cíclica, é dicir, reforzan o ciclo económico cando está á baixa, reforza a tendencia da crise até agudizarse.

Keynes pensaba nunha política contra-cíclica, contra o ciclo que vai cara a recesión. É inxusta a política que fan agora os gobernos porque aplica a dobre pena contra a cidadanía, xa vítima da burbulla inmobiliaria. Moita xente perdeu o seu posto de traballo e a súa vivenda, castigados sen ser responsábeis da crise, e agora as súas fillas non poderán ter a educación que necesitan e se se enferman non poderán ter acceso a unha sanidade pública de calidade.

P: Que receita ten a esquerda para saír desta crise?

R: Hai que elaborar unha plataforma común dos movementos sociais da esquerda con propostas unitarias. Eu participo no “Comité pola abolición da débeda no Terceiro Mundo” e propomos a mobilización como cidadanía facendo unha auditoría cidadá da débeda pública para identificar a parte ilexítima e mobilizarse para obter que os gobernos a anulen.

Máis en Mundo
Comentarios