Rato, imputado agora por estafa

A Audiencia Nacional española admitiu outra querela sobre o caso Bankia, desta volta do movemento 15M, o mesmo día en que o ex presidente da entidade pediu comparecer ''o antes posíbel'' no Congreso para explicar a súa xestión, de pouco máis dun ano

A Audiencia Nacional española vén de admitir a trámite a querela presentada polo movemento cidadán 15M e imputou o ex presidente de Bankia, Rodrigo Rato, o de Bancaja, José Luis Olivas, e o antigo consello de administración polos delitos de estafa, falsidade documental para captar capitais nos mercados secundarios --na Bolsa--, falsidade contábel --contas incorrectas polo menos en 2011-- e administración fraudulenta e desleal. Tamén nesta terza feira Rato pediu unha comparecencia no Congreso para explicar a súa xestión na entidade da cal estivo á fronte durante pouco máis dun ano.

O xuíz Fernando Andreu acumulou esta querela coa presentada polo partido político UPyD pola "identidade substancial" entre os feitos descritos, se ben aumenta os tipos delitivos, e permitiu que o movemento 15M se persone na causa como acusación partiular en contra do Ministerio Fiscal que sinala que non se deben admitir querelas --denuncias de particulares-- porque "non cabe falar neste momento de prexudicacos por unhas condutas delituosas inconcretas".

Porén, entendeu Andreu que as acusacións feitas sobre Rato, Olivas e o resto de persoas imputadas non son "nin absurdos nin irracionais", ao presentaren as contas de Bankia "unha esaxerada diferenza" nun periodo "moi breve" de tempo, e fai referencia aos danos causados non só ao accionariado senón "á sociedade e á economía no seu conxunto".

No auto, contra o que cabe recurso, tamén se pide que se libre oficio contra o Depositario Central de Valores de España, Iberclear, a fin de que informe sobre as series de participacións preferentes documentadas na querela, que porcentaxe foron contratadas por profesionais, particulares e entidades públicas.

Rato quere comparecer "o antes posíbel"
Poucos minutos antes de se facer pública a súa imputación, Rato solicitou unha comparecencia "o antes posíbel" no Congreso para explicar a súa xestión de pouco máis dun ano á fronte de Bankia. O que fora ministro de Economía no último goberno de Aznar abandonou a presidencia desta entidade financeira en maio, cando José Ignacio Goirigolzarri tomou o control.

Así as cousas, as presións que chegaron do propio Goberno español sobre a pertinencia de conceder a axuda de 7.000 millóns que Rato solicitaba daquela para reflotar Bankia mantendo o mesmo presidente levárono á demisión. Goirigolzarri substituíuno, e solicitou a nacionalización e unha inxección de 19.000 millóns para sanear o grupo, alén doutra de case 5.000 que non tivo que devolver ao pasar a mans estatais.

Rato chegou á presidencia de Caja Madrid en 2010, e meses despois esta entidade uníase a Bancaja e creaban o Banco Financeiro e de Aforros --BFA--, cuxa marca sería Bankia e co que se fusionaron tamén Caixa Laietana e as caixas de Canarias, Ávila, Segovia e La Rioja. 

Máis en Mundo
Comentarios